A economía galega frea no último tramo do ano 2022, segundo apunta o Foro Económico de Galicia
A economía galega frea no último tramo do ano 2022, segundo apunta o Foro Económico de Galicia
A actual situación económica está marcada pola incerteza e a freada do crecemento económico na zona euro, na que cobra especial relevancia a evolución negativa de economías coma a alemá que, ante o impacto da escalada dos prezos da enerxía, estima o seu Goberno que poida entrar en recesión cunha caída do PIB do 0,4 % e unha inflación do 7 %.
Esta mesma incerteza que caracteriza ao contexto internacional afecta tamén as previsións de crecemento da economía galega, que amosa unha reactivación menos intensa que a do conxunto do Estado, o que sitúa o seu crecemento no 4,4 %, 2,4 puntos por debaixo da media española (6,8 %). Resulta rechamante observar coma 4,3 puntos do crecemento total ven achegado pola demanda externa, fronte ao 0,1 % da demanda interna. As exportacións tiveron un bo comportamento sobre todo as correspondentes ao sector téxtil, menos importantes no sector do automóbil dados os atrancos que sufriron as cadeas globais de valor e a falta de subministracións de inputs básicos como poden ser os microchips.
A atonía do consumo interno marca a freada do crecemento que, malia que rozará niveis precrise do covid-19 antes de que remate o ano, está a provocar unha fenda con respecto á economía estatal que, a día de hoxe presenta un maior dinamismo. A consecuencia inmediata deste menor crecemento reflíctese tamén no mercado de traballo que, malia a ter unha variación positiva en termos interanuais, frea o seu crecemento e sitúase arredor do 3 %, por debaixo do que medra a economía, a pesar de que se produciu tamén unha caída na taxa de actividade. Isto avanza unha freada futura do crecemento.
Dende o punto de vista cualitativo débese chamar a atención sobre a composición do mercado de traballo, en que tres de cada catro persoas traballan no sector servizos, mentres que cae o emprego na construción e no sector primario.
Ante este panorama e, tal e como están a recomendar dende os organismos internacionais, o Foro Económico de Galicia apunta a necesidade de que se poñan en marcha medidas orzamentarias potentes para activar políticas anticíclicas que poidan frear esta deriva e, ante as novas ameazas e desafíos, facer unha aposta forte para reactivar a industria manufactureira, potenciar o sector primario e frear a caída significativa de investimento privado.
Tal e como explicou o coautor do informe de conxuntura do Foro Económico de Galicia, Fernando González-Laxe, a economía galega precisa de medidas e accións que incentiven a marca país, dentro e fóra de Galicia, de xeito que se faga á súa economía un activo estable e exixente, que a dote de capacidade para poder competir a nivel nacional pero, sobre todo, internacional. A economía galega ha de amosar ambición á hora de apostar pola diversificación do seu tecido produtivo, cunha aposta decidida por sectores clásicos coma o da madeira ou o naval, pero tamén novos e punteiros coma a biotecnoloxía, a nanotecnoloxía ou a intelixencia artificial, para o que conta cunha importante masa crítica no sistema universitario público galego.
María Cadaval
Prof. Economía Aplicada, USC
Membro do Foro Económico de Galicia