Publicador de contidos
Publicador de contidos

A economista da USC María Cadaval cre que o desconto nos carburantes será selectivo en 2023

A economista da USC María Cadaval cre que o desconto nos carburantes será selectivo en 2023

Cadaval defende o cheque alimentario para as familias máis vulnerables

A profesora de Economía Aplicada da USC estivo no Bos Días

G24.gal 10/12/2022 13:42 Última actualización 10/12/2022 13:53

A piques de acabar o ano, e con el o desconto xeneralizado nos prezos dos combustibles, o goberno segue sen concretar se manterá esta medida, ou se a limitará aos colectivos máis prexudicados. Algúns expertos, como a profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago María Cadaval, cren que as bonificacións selectivas son a mellor opción e ela defende tamén as axudas directas ás familias para aliviar o custo da cesta da compra.

Á espera de coñecer o contido do terceiro paquete de medidas anticrise que prepara o Goberno para 2023, a profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago María Cadaval, explicou, no programa Bos Días, que o desconto de 20 céntimos no prezo dos carburantes para toda a poboación non se pode manter durante moito tempo polo seu impacto no déficit público. Opina que o executivo optará por restrinxir esas axudas aos sectores máis afectados, coma o agro, a pesca ou o transporte.

"Se se enfoca cara a sectores moi concretos, que polo tanto están rexistrados, a propia Administración pública, a través, por exemplo da Axencia Tributaria, ten máis doado facelo que nunha medida onde tivese que facer un corte por renda dos usuarios".

Cadaval lembra que a pesar da moderación da inflación, os prezos dos alimentos seguen subindo, o que prexudica as familias máis vulnerables. Ante a falta dun pacto de rendas no que traballadores e empresarios se reparten o custo da inflación, e o fracaso da proposta para poñerlle tope aos prezos dos alimentos básicos, Cadaval defende a aprobación dun cheque alimentario.

 "Sexa en forma de cheque, sexa en forma de paga ou dunha tarxeta para ir mercar ao supermercado determinados produtos, pero medidas moi concretas e moi focalizadas sabendo ademais que o destino final deses recursos vai ser o que inicialmente se prevé que sexa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade