A explosión de Hilliard coincide co mellor momento do Breogán
O ala do equipo lugués promedia 22,3 puntos no mes de marzo
33 puntos cun 80% no tiro de campo, 7 rebotes. Foron os extraordinarios números de Darrun Hilliard no derbi entre o Río Breogán e o Leyma. Fichaxe estrela ao comezo da temporada Hilliard foi cuestionado durante moitas xornadas polo seu baixo rendemento. Pero neste mes de marzo acredita unha media de 22,3 puntos e 6 asistencias. O equipo ten case garantida a permanencia e todo funciona baixo o mando de Luis Casimiro, que revitalizou boa parte dos seus xogadores.
Con Mrsic os números de Hilliard estaban a ser moi discretos. 12,1 puntos de media por encontro. Desde a chegada de Casimiro, a importancia de Hilliard no equipo medrou e tamén a súa confianza. Son 16,5 puntos ás ordes do novo adestrador e cun rendemento que vai a máis. Os 28 puntos acadados contra o Andorra eran o seu teito de anotación, superado este pasado domingo nun partido moi significado para a afección.
O Breogán é duodécimo clasificado... a só dúas vitorias dos postos de play-off e con catro de marxe sobre o descenso. O obxectivo dos doce triunfos está moi preto. Pero con Hilliard enchufado soñar é de balde.