Publicador de contidos
Publicador de contidos

A expulsión de Álex López frea o Rácing diante do Huesca (0-0)

A expulsión de Álex López frea o Rácing diante do Huesca (0-0)

O árbitro González Díaz vólvese cruzar cos ferroláns amosando un polémico cartón vermello

O Rácing tivo as mellores ocasións diante dun rival da zona alta

G24.gal 20/10/2024 18:13

Non foi o Huesca, rival que chegaba a Ferrol na parte alta e aspirando a grandes cousas. Outra vez foi o binomio arbitral, formado por González Díaz no campo e González Francés no VAR quen se cruzou co Rácing, como xa fixera no partido en Leganés a temporada pasada. Cunha polémica expulsión de Álex López, aparentemente sen perigo, condicionaron un choque que rematou sen goles na Malata.

O Rácing entrou mellor ao partido e, logo duns minutos de tenteo, comezou a achegarse aos dominios de Juan Pérez. Precisamente o porteiro ía ser o heroe do equipo aragonés, aínda que, na primeira clara que tiveron os ferroláns, Jáuregi foi quen de batelo no man a man. O árbitro anulou o tanto por fóra de xogo e, despois de varios minutos, sen unha imaxe que deixara clara a situación, a decisión fíxose firme.

Despois chegou o festival de Juan Pérez, que sacou sucesivamente un tiro de Dorrio, un remate de Manzanar á saída dun córner que acabou no traveseiro, e unha cabezada de Jáuregi. O Huesca avisou antes do tempo de lecer cunha contra na que Soko acabou quedando sen ángulo, parando Jesús Ruiz. Pero aínda quedaba tempo para a expulsión de Álex López. Un cartón vermello directo nunha acción de xogo no medio do campo que non parece merecedora de tal castigo. Outra vez se cruzaba González Díaz cos ferroláns, aos que xa lles expulsara anteriormente a David Castro en dúas ocasións.

A segunda metade comezaba cunha acción de Pulido que a Malata xulgou equivalente, pero que o árbitro deixou en cartón amarelo. Á saída da falta, Puric case marca de cabeza.

O paso dos minutos e a inferioridade numérica fixeron que o Rácing tivese que ir renunciando ao ataque aos poucos, mentres o Huesca gañaba presenza nas inmediacións da área local sen incomodar aos de Cristóbal. De feito, a última ocasión clara foi para os ferroláns, que puideron levar a vitoria nun remate de Chiqui que despexou Juan Pérez, O rexeitamento rematouno arriba Álvaro. Xusto a seguir, o protestado árbitro asturiano asubiaba o remate do encontro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar