A boa estrea de Egbunu non impide unha nova derrota do Breogán
A boa estrea de Egbunu non impide unha nova derrota do Breogán
O pivote foi o máis destacado dos galegos con 13 puntos en 12 minutos
O Manresa comezou moi forte o partido, nunca perdeu o mando no marcador e acabou gañando por nove (79-88)
O Río Breogán perdeu unha boa oportunidade diante do Manresa para sumar a quinta vitoria da temporada. Perdeu por 79-88 nun partido no que sempre estivo por debaixo no marcador. O máis destacado do partido foi a estrea do pivote Egbunu, que sumou 13 puntos nos primeiros minutos coa camisola azul celeste.
O Baxi Manresa foi un ciclón no comezo do partido (0-10). Ao Breogán custoulle igualar o nivel físico do seu rival e só coa entrada de Apic e os puntos de Grant conseguiron equilibrar algo o partido (17-23 ao remate do cuarto). No segundo cuarto o equipo do ourensán Diego Ocampo volveu entrar con moito tino e grazas a un parcial de 2-13 poñía unha máxima vantaxe de dezasete puntos (19-36). A estrea de Egbunu, con 6 puntos seguidos, e o bo traballo dos de Casimiro permitíronlle recortar ata os seis cos que se chegou ao tempo de lecer (36-42).
Parecía estar nun bo momento o Breogán (43-48) para igualar o encontro pero o Manresa encadeou catro triplas seguidas que lle permitiron abrir outra fenda ampla (50-64) xusto antes do remate do terceiro cuarto. No período decisivo o equipo lugués volveu encadear unha boa xeira (9-1) coa que volveu asexar o seu rival (61-68). A cada momento no que se achegaba Breogán respondía o Manresa, que acabou resolvendo cun parcial de 0-5 cando se volvera poñer o equipo galego a seis (74-80).