Publicador de contidos

Publicador de contidos

A familia do veciño de Teo desaparecido o mércores pide a colaboración cidadá

A familia do veciño de Teo desaparecido o mércores pide a colaboración cidadá

Óscar García foi visto por última vez hai tres días cando saía da casa en Cepeda

Quedara para comer coa familia en Santiago, a doce quilómetros de distancia

A súa muller está convencida de que non marchou por vontade propia

G24.gal 01/04/2023 20:39 Última actualización 01/04/2023 21:25

"Isto é unha chamada urxente, porque as horas pasan rápido e van en contra de Óscar", asegura a muller de Óscar García.

A familia do veciño de Teo desaparecido o mércores pasado solicita a colaboración cidadá para dar co seu paradoiro.

“Unha boa batida polos camiños, polos pasos pequenos, polos pozos e por todas as gabias que poidades atopar entre Cepeda e Santiago”, di nun vídeo Nuria Pereira, a muller do desaparecido.

En Cepeda foi visto por última vez hai tres días cando saía da casa. Óscar García quedara para comer coa súa familia en Santiago, a doce quilómetros de distancia, pero non se presentou.

Na casa deixou o teléfono móbil, a carteira coa documentación, as lentes e as chaves do coche dentro do vehículo. A familia está convencida de que non marchou por vontade propia.

“El non marchou pola súa vontade, iso está clarísimo. Algo lle pasou, desorientouse, ou pode ser que lle dera algo, aínda que é un home san e sempre fixo deporte, non bebe alcohol, fai dieta de deportista”, explica Nuria Pereira.

Óscar García, docente do Instituto Europeo Campus Stellae, mide 1,82, pesa 85 quilos e vestía de escuro cando desapareceu. A busca continuará o domingo con outra batida a partir das 9 da mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade