A FAO vixiará a apertura de rutas alternativas para o cereal ucraíno
A FAO vixiará a apertura de rutas alternativas para o cereal ucraíno
Mario Zapacosta, analista sénior da FAO, asegura que a guerra de Ucraína agravou a alza de prezos dos alimentos, que xa estaban en cifras récord antes da invasión rusa.
Nunha entrevista na Radio Galega, Zapacosta advirte do risco de fame en moitos países pola seca e a suba dos prezos dos alimentos
A FAO considera un bo sinal a apertura de rutas alternativas para a exportación do cereal ucraíno desde o Mar Negro. O asesor sénior da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, Mario Zapacosta, asegura que a partir de agora, a FAO monitorizará o ritmo no que saen os barcos e o desenvolvemento das exportacións.
"Sabemos que aínda hai arredor de 20 millóns de toneladas de trigo que xa tiveran que saír de Ucraína"
Para Zapacosta, a guerra de Ucraína agravou unha situación de prezos elevados dos alimentos que xa viña de anos atrás. Advirte que os países pobres do Sahel e do corno e o norte de África, que xa tiñan unha cota alta de inseguridade alimentaria, serán os máis prexudicados.
"Os prezos do trigo e doutros alimentos xa estaban a niveis de récord antes do comezo da guerra. Cando escoitamos que se producen aumentos do prezo do 15 % nun mes, temos que ter en conta que eses incrementos se dan por riba de prezos que xa eran os máis altos anteriormente"
Ao aumento dos prezos das materias primas, súmase a seca prolongada que viven moitos países. Unha situación que afecta as comunidades de pastores africanos que viron reducidos os seus rabaños despois de varios anos de seca.
"A FAO alerta do risco de crise alimentaria pola seca nalgúns países do Corno de África, Somalia, sur de Etiopía e Kenia onde levan catro tempadas de seca consecutivas"
Ante a posibilidade de que se agrave a crise alimentaria, a FAO recomenda aos gobernos que manteñan o comercio o máis aberto posible e non poñan barreiras ás exportacións. Para Mario Zapacosta, o proteccionismo tería neste momento un impacto global devastador.
Ademais, a FAO está desenvolvendo programas de apoio aos pequenos produtores mediante transferencias de insumos (sementes, fertizantes...) para que poidan aumentar a produción local de alimentos. Outra das vías de axuda é a través dun fondo de crédito subsidiario para que os países poidan utilizar estes cartos para financiar as importacións de alimentos.