A fenda salarial, por María Loureiro
A fenda salarial, por María Loureiro
No Ibex, 32 das 35 empresas están dirixidas por homes. Só tres mulleres ocupan presidencias
En España as mulleres reciben en termos medios un 9,4 % menos ca os homes no mesmo traballo
Existe unha fenda salarial maior no eido do sector privado, co 14 %, que no público, cun 8,2 %
Hoxe celébrase o Día Internacional da Muller
Segundo Nacions Unidas, celébrase o Día da Muller debido ao acceso ao dereito ao voto en Rusia en 1917, cando as mulleres rusas fixeron folga, conseguindo así a dimisión do Tsar e o seu ansiado dereito ao voto.
Desde 1917 ata a actualidade, as mulleres acadaron visibilidade e cotas de poder en todos os ámbitos da economía e sociedade en xeral. Agora ben, a fenda salarial segue a ser importante. De acordo cos datos publicados recentemente por Eurostat, a fenda salarial media na UE entre homes e mulleres no salario medio por hora é do 13 %, con grandes diferenzas entre países. O máis igualitario é Belxica e o menos é Letonia (con máis dun 20 % de fenda).
A fenda salarial en España é do 9,4 %
No caso español, por exemplo, a fenda rexistrada por Eurostat é dun 9,4 %, co cal as mulleres reciben en termos medios un 9,4 % menos ca os homes no mesmo traballo. Existe tamén unha fenda maior no sector privado que no público. En particular, a fenda no sector público anda ao redor do 8,2 % e no privado ronda o 14 %. O sector que máis discrimina as mulleres en España é o do ámbito de profesións liberais, onde a diferenza de salario é dun arrepiante 20 %.
Esta desigualdade salarial pode ser explicada en gran medida polo que se coñece como teitos de cristal, é dicir, barreiras presuntamente invisibles que impiden ás mulleres romperen certos teitos e poder acadar máis responsabilidades no mundo laboral.
Esta discriminación salarial tamén ten efectos sobre as prestación sociais e sobre prensións recibidas por homes e mulleres, polo que implica unha menor renda dispoñible durante todo o ciclo vital, cando incluso se desempeñe a mesma actividade e co mesmo nivel de rendemento.
Discriminación en todo o eido empresarial
Esta discriminación é patente en practicamente todo o eido empresarial. As empresas que cotizan na Bolsa de Valores non cumpren a recomendación da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e da directiva de elevar a diversidade de xénero nos seus consellos ao 40 %. A cifra nas empresas mantense no 32,3 % de mulleres presentes nos consellos de administración.
Os peores datos proceden das comisións executivas —os órganos encargados de executar as decisións adoptadas polo consello de administración—, con só un 16,5 % de representantes femininas en empresas selectivas. Os comités de dirección son un gran punto negro.
No Ibex, 32 das 35 empresas están dirixidas por homes. Só tres mulleres ocupan presidencias: Beatriz Corredor en Redeia e Marta Ortega en Inditex, como non executivas, e Ana Botín como presidenta executiva do Banco Santander. Non obstante, so o 1,2 % dos CEO no noso país son mulleres e cobran o 19 % menos ca os homes.
O obxectivo destas medidas é aumentar a visibilidade das mulleres nos órganos de decisión das empresas. Estas cotas, a medio-longo prazo permiten tamén reducir a brecha de xénero, aínda que a curto prazo só garanten a visibilidade das mulleres en postos importantes.
En resumo, aínda que o tema das cotas é controvertido, parecen necesarias para regular situacións que non son ideais, non só para as mulleres, senón tamén para as institucións que seguen a ser gobernadas fóra dun espírito de igualdade.