Publicador de contidos
Publicador de contidos

A ONU denuncia a entrada pola forza de tanques israelís na súa base no sur do Líbano

A ONU denuncia a entrada pola forza de tanques israelís na súa base no sur do Líbano

O ataque prodúcese o mesmo día en que Netanyahu acusou os casos azuis de ser "escudos humanos" de Hezbollah

Consello de Seguridade da ONU reúnese este luns para estudar a situación na zona

G24.gal 13/10/2024 18:04 Última actualización 13/10/2024 21:39

A misión de mantemento de paz da ONU no sur do Líbano (FINUL) acusa o Exército hebreo de poñer en perigo as súas tropas despois de que tres pelotóns de efectivos israelís cruzaran a Liña Azul e violaran novamente a resolución 1701 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

"Esta mañá cedo, as forzas de paz nunha posición da ONU en Ramyah observaron a tres pelotóns de soldados das FDI (Exército israelí) cruzando a Liña Azul cara ao Líbano. Arredor da 4:30 horas, mentres os soldados de paz estaban en refuxios, dous tanques Merkava das FDI destruíron a porta principal da posición e ingresaron á forza nela", informa a misión nun comunicado.

Segundo a nota, os soldados xudeus pediron varias veces que a base apagase as luces e os tanques marcharon 45 minutos máis tarde, despois de que a FINUL protestara a través do mecanismo de enlace, dicindo que a súa presenza "estaba a poñer en perigo" as tropas de paz.

Posteriormente a este incidente, "ao redor das 6:40 horas, os efectivos de mantemento da paz que se atopaban na mesma posición informaron de varios disparos a 100 metros ao norte, que emitiron fume".

"A pesar de levar máscaras protectoras, quince efectivos sufriron efectos, entre eles irritación da pel e reaccións gastrointestinais, despois de que o fume entrara no campamento", afirmou a FINUL, que detallou que os efectivos están a recibir tratamento.

A misión da ONU no Líbano lembroulle ao Exército israelí "por cuarta vez en dous días" que entre as súas obrigas está "garantir a protección e seguridade do persoal e os bens da ONU e de respectar a inviolabilidade das instalacións das Nacións Unidas en todo momento".

"A violación e o ingreso nunha posición das Nacións Unidas é outra flagrante violación do dereito internacional e da resolución 1701 (2006) do Consello de Seguridade", agregou a FINUL.

"Escudos humanos"

O ataque prodúcese o mesmo día no que o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, acusou os cascos azuis de ser "escudos humanos" do grupo xiíta libanés Hezbollah e pediu a súa retirada.

A misión da ONU denunciou varios ataques do Exército hebreo en tres días nos que quedaron feridos cinco soldados da misión de paz.

Desde fai tres semanas Israel leva a cabo unha campaña de intensos bombardeos contra Beirut, o sur e o leste do Líbano, que provocou a morte da maior parte das máis de 2.200 persoas que perderon a vida no Líbano desde outubro de 2023. 

"Evacuar os soldados feridos"

O Exército de Israel admitiu que un dos seus tanques invadiu este domingo unha base da misión de mantemento de paz da ONU no sur do Líbano (FINUL) tras sufrir un ataque de Hezbollah e mentres trataba de evacuar os soldados feridos.

"Unha revisión inicial mostrou que un tanque do Exército que estaba a tratar de evacuar a soldados feridos mentres aínda estaba baixo lume retrocedeu varios metros cara a un posto da FINUL. Durante o incidente, o Exército non representou ningún perigo para as forzas da ONU", informou.

Reunión do Consello de Seguridade da ONU

Neste contexto de máxima tensión, o Consello de Seguridade da ONU reúnese este luns para estudar a situación no Líbano.

A reunión está programada con carácter semestral para estudar a resolución 1559, que foi adoptada no 2004 pero desde entón quedou en papel mollado, do mesmo xeito que a 1701, adoptada dous anos despois.

A resolución 1559 pedía respectar a soberanía e integridade territorial do Líbano, así como a retirada de todas as forzas estranxeiras do país e o desarmamento de todas as milicias.

Tanto o Goberno israelí como a milicia xiíta de Hezbollah violárona repetidamente e non mostraron vontade de aplicala.

O Consello recibirá un informe do secretario xeral, António Guterres, e escoitará a intervención da súa xefa de Asuntos Políticos, Rosemary DiCarlo, que exporá os últimos acontecementos e pediralle ás partes en conflito unha desescalada urxente que evite unha guerra aberta na rexión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade