Publicador de contidos
Publicador de contidos

A fiscal provincial de Madrid afirma que polo menos 60 persoas tiveron acceso aos correos da parella de Ayuso

A fiscal provincial de Madrid afirma que polo menos 60 persoas tiveron acceso aos correos da parella de Ayuso

Á diferenza do fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz, a fiscal provincial si que respondeu ao xuíz

Rodríguez nega que fose ela quen filtrase os correos de González Amador

A fiscal provincial de Madrid Pilar Rodríguez /EP A fiscal provincial de Madrid Pilar Rodríguez /EP
G24.gal 30/01/2025 12:18 Última actualización 30/01/2025 13:14

A fiscal xefa provincial de Madrid Pilar Rodríguez negou este xoves ao maxistrado do Tribunal Supremo que a investiga por presunta revelación de secretos que filtrase información relativa a Alberto González Amador, parella da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso.

Ademais defendeu que un gran número de persoas tiveron acceso ao correo electrónico do 2 de febreiro e ao expediente tributario de González Amador. Por outra parte, asegurou que non facilitou nin os correos nin o expediente tributario sobre González Amador a ningunha persoa fóra da Fiscalía.

Pilar Rodríguez xa comparecera no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid cando este estaba a cargo da investigación. Explicou que só enviou información ao fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz, que onte mércores negou tamén filtrar os correos ou o expediente sobre a parella de Díaz Ayuso. Rodríguez insistiu en que estaba obrigada a cumprir coa dación de contas que establece o Estatuto Fiscal.

Por outra parte, incidiu en que arredor de 500 persoas tiveron acceso directo á denuncia de Fiscalía e ao expediente tributario de González Amador a partir do día 5 de marzo. Ademais, polo menos 60 persoas tiveron acceso ao contido do correo que o avogado de González Amador enviou o 2 de febreiro ao fiscal Julián Salto ofrecéndose a recoñecer dous delitos fiscais a cambio de chegar a un acordo.

Aínda que Rodríguez si que respondeu ás preguntas do maxistrado, decidiu non contestar ás acusacións, da mesma forma que fixo o fiscal xeral do Estado. Tampouco fixo preguntas este xoves, xa que considera que os rexistros realizados foron nulos e participar no interrogatorio sería validar a investigación.

Pilar Rodríguez é a persoa que na noite do 13 de marzo pediu ao fiscal que investigaba a González Amador por presuntos delitos fiscais Julián Salto que lle enviase os correos intercambiados co avogado deste para elaborar a nota de prensa que o Ministerio Público publicou o día 14 para desmentir unha información de El Mundo. Nela asegurábase que a Fiscalía ofrecera un pacto á parella de Díaz Ayuso. Salto remitiulle os devanditos correos a Rodríguez e ela reenvioullos ao fiscal xeral. 

O maxistrado Ángel Hurtado investiga se García Ortiz, Rodríguez ou o tenente fiscal da Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral, Diego Villafañe, filtraron o correo electrónico que o avogado de González Amador enviou o 2 de febreiro a Salto.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade