Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía alerta dun "preocupante" ascenso do 45 % de agresións sexuais de menores

A Fiscalía alerta dun "preocupante" ascenso do 45 % de agresións sexuais de menores

A memoria anual relativa ao ano 2022 do Ministerio Público sinala que as causas que explican este "auxe" son "complexas", pero pon o foco na carencia dunha adecuada formación en materia ético-sexual e o visionado "inapropiado e precoz" de pornografía violenta

Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado, no acto de apertura do ano xudicial Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado, no acto de apertura do ano xudicial
EFE 07/09/2023 12:44

A Fiscalía Xeral do Estado denunciou un "notabilísimo e preocupante ascenso" das agresións sexuais perpetradas por menores de idade en 2022: o ministerio público investigou uns 974 casos fronte aos 668 rexistrados en 2021, o cal supón un aumento do 45,8 por cento.

Na súa memoria anual relativa ao ano 2022, o Ministerio Público cualifica de "alarmante" que as incoacións de agresións sexuais con autores menores aumentasen un 116 % desde o ano 2017, con crecementos anuais desde esa data.

Tamén se investigaron 1.973 abusos sexuais cometidos por menores de 18 anos en 2022, un 0,81 % máis que o ano anterior.

A Fiscalía sinala na súa memoria que as causas que explican este "auxe" son "complexas" e que son diversos os factores que levan aos menores a "realizar condutas sexuais virulentas".

Destaca entre elas a carencia dunha adecuada formación en materia ético-sexual e o visionado "inapropiado e precoz" de pornografía violenta: ambos os factores conducen a unha "trivialización do seu concepto das relacións sexuais normais".

Un 30 % máis de agresións sexuais

Os delitos de agresión sexual investigados, máis aló dos cometidos por menores, tamén creceron. En concreto, un 31,5 %, ata os 9.603 casos, máis de dous mil por encima dos 7.302 de 2021.

O Ministerio Público explica que a entrada en vigor da Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual (coñecida como lei do só si é si) puido ter unha incidencia substancial nestes datos, ao unificar nun único tipo penal os abusos e as agresións sexuais a partir do 6 de outubro de 2022.

Por contra, os abusos sexuais investigados caen un 3,39 % ao pasar de 8.937 a 8.634 casos incoados. Si crecen os abusos sexuais contra vítimas menores de 16 anos, un 2,86 %. E moito máis as agresións sexuais a nenas con menos de 16 anos, un 36,44 %.

A Fiscalía alerta dun aumento de delitos contra a liberdade sexual cometidos a través de Internet e aqueles que se perpetran na contorna lúdica, no que é habitual a submisión química das vítimas con alcol ou outro tipo de substancias.

Impunidade e violencia sexual oculta

Denuncia a Fiscalía que se mantén un "indefinido índice de impunidade porque as condutas non afloran, perpétranse con gran frecuencia ao aproveitarse das relacións próximas entre vítima e agresor (familia, colexio, clubs deportivos…)": "É responsabilidade de todos crear un clima de apoio para que as vítimas saian do seu silencio", recalca.

Agora ben, recoñece que a Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual e a súa posterior modificación puxeron "no punto de mira" os delitos sexuais e que as campañas de sensibilización son eficaces.

A sensibilización, matiza, contribúe a que se denuncien cada vez máis estes delitos, do mesmo xeito que "a repercusión mediática e social que tiveron determinados casos fortaleceron as vítimas e animáronas a denunciar ao sentirse apoiadas polas manifestacións públicas de colectivos concretos e da sociedade en xeral en repudia destes delitos".

Cento corenta e sete procedementos por abusos a menores no seo da Igrexa

Na súa memoria, a Fiscalía dedica un apartado aos casos de abusos a menores cometidos no ámbito da Igrexa.

En xaneiro de 2022 esta solicitou ás fiscalías autonómicas que lle enviasen todas as denuncias e querelas en tramitación sobre agresións e abusos sexuais a menores cometidas por relixiosos.

O Ministerio Público recoñece a dificultade de dar conta dos procedementos xudiciais, ao non quedar rexistrados como tales nas aplicacións de xestión procesual, dado que non fan mención ningunha á profesión do suxeito activo.

E admite que os datos de que dispón son "moi parciais" debido ao acoutado espazo temporal a que pertence a documentación remitida, posto que a maior parte dos testemuños se refire a procedementos que tiveron a súa orixe no ano 2021 e 2022, e só puntualmente se remitironde anos anteriores.

Así, os datos da memoria indican que foron remitidos polas fiscalías territoriais un total de 147 procedementos, dos que 61 foron tramitados en sede fiscal e 86 en sede xudicial.

Das 61 dilixencias de investigación que constan rexistradas nas fiscalías territoriais, un 44 % iniciouse en 2022, un 26 % en 2021 e o 30 % restante en anos anteriores, mentres que das 86 dilixencias previas remitidas, un 18 % foron iniciadas en 2022, un 29 % en 2021 e o 53 % restante en anos anteriores.

A Fiscalía sinala que no 67 % dos casos os feitos tiveron lugar despois do ano 2000 e no 33 % antes de 1990.

E das 20 sentenzas remitidas de procedementos xudiciais finalizados, 19 son condenatorias (dúas con conformidade do acusado, mentres que unha foi revogada en apelación).

A Fiscalía destaca a necesidade de revisar a posible solicitude de responsabilidade civil subsidiaria da institución relixiosa en que tivo lugar o abuso, avaliar a extensión da acusación ás posibles condutas encubridoras por parte dos representantes das institucións relixiosas e determinar unha indemnización en concepto de responsabilidade civil, que ten que integrar os danos morais e as lesións psíquicas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade