Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía insiste en que non se rebaixen penas se están vixentes na lei do 'só si é si'

A Fiscalía insiste en que non se rebaixen penas se están vixentes na lei do 'só si é si'

A nova circular, que os fiscais de sala van analizar o próximo día 16, establece que a redución só se atenderá en casos excepcionais e no caso de que se estableza se deben pedir medidas altenativas como a liberdade vixiada

G24.gal 09/03/2023 16:33

A Fiscalía Xeral do Estado ditou unha circular na que insiste en que non hai que revisar as penas dos condenados por delitos sexuais, se estas están incluídas na pinza que fixa a Lei do 'só si é si' para cada delito.

Con iso, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, pretende ampliar e reforzar os criterios de actuación contidos no decreto que remitiu en novembro a todos os fiscais, no que se reducen os supostos nos que os fiscais apoiarán unha rebaixa da condena inicialmente imposta aos agresores sexuais.

De feito, García Ortiz convocou unha xunta de Fiscais de Sala para o vindeiro xoves na que se abordará esta circular, que esta mesma mañá se remitiu a todos os fiscais de Sala para a súa análise previa ao conclave do día 16.

A circular, á que tivo acceso EFE, deixa claro que "como regra xeral, non procederá a revisión das condenas firmes cando a pena imposta na sentenza tamén sexa susceptible de impoñerse con arranxo ao novo marco legal".

Con todo, destaca que "cada procedemento deberá ser analizado individualmente, fuxindo de automatismos que impidan valorar as concretas circunstancias concorrentes en cada caso".

En canto aos supostos de revisión de sentenzas firmes, a circular establece que se actuará "excepcionalmente" só "cando a aplicación estrita desta regra provoque resultados manifestamente desproporcionados".

"Dita posibilidade deberá reservarse para os supostos nos que resulte notorio que de ser axuizados os feitos baixo a vixencia da nova regulación a pena de prisión que correspondese impoñer sería, indubidablemente, dunha duración moi inferior", engade.

Nestes casos, "os fiscais serán especialmente cautelosos" á hora de examinar a equivalencia entre o tipo penal derrogado e o vixente, debendo ter en conta os agravantes e atenuantes.

E tamén os fiscais promoverán a revisión de sentenzas cando a condena "se atope nos límites da tipicidade" atendida a "escasa ofensividade da conduta".

A revisión, en tal caso, debe partir "necesariamente" do principio de retroactividade da lei penal máis favorable, de maneira "que terán efecto retroactivo aquelas leis penais que favorezan ao reo, aínda que ao entrar en vigor recaese sentenza firme e o suxeito estivese a cumprir condena".

O fiscal xeral do Estado tamén avogou por valorar medidas alternativas, como liberdade vixiada, nos casos nos que se produzan rebaixas de pena, segundo figura nese borrador.

García Ortiz pide aos fiscais priorizar "o exame dos procedementos que con motivo da revisión efectiva da pena poida dar lugar á excarceración da persoa condenada".  

E, cando se rebaixe a pena polas revisións efectuadas, insta a "valorar a imposición da pena de liberdade vixiada, da privación da patria potestade ou a inhabilitación especial para o exercicio dos dereitos da patria potestade sobre os fillos presentes e futuros, tutela, curatela, garda ou acollemento, así como para emprego ou cargo público".

Ademais, o xefe do Ministerio Público lembra que "contra as resolucións resolvendo a revisión das sentenzas condenatorias firmes poderán interpoñerse os mesmos recursos que, no seu caso, caberían contra a sentenza condenatoria".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade