A Fiscalía pide seis anos de cárcere para Salvini polo bloqueo do barco Open Arms
A Fiscalía pide seis anos de cárcere para Salvini polo bloqueo do barco Open Arms
Está acusado de secuestro de persoas e abuso de poder por impedir o desembarco de 147 migrantes en 2019
A Fiscalía da cidade italiana de Palermo reclamou este sábado 6 anos de cárcere para o ultradereitista Matteo Salvini por bloquear o barco da ONG Open Arms con 147 migrantes en agosto de 2019 cando era ministro do Interior, no marco das súas políticas contra a inmigración.
A fiscal Marzia Sabella reclamou esa pena tras unha longa alegación ante o Tribunal de Palermo sinalando nas súas conclusións, entre outras cousas, que "o rexeitamento consciente" daquela nave "lesionou a liberdade persoal de 147" inmigrantes "sen un motivo comprensible".
Salvini, agora vicepresidente do Goberno de Giorgia Meloni e ministro de Infraestruturas, non acudiu á audiencia deste proceso no que está acusado dos delitos de secuestro de persoas e abuso de poder.
Política de portos pechados
O caso remóntase a agosto de 2019, cando impediu o desembarco en Italia da nave da ONG española Open Arms con 147 persoas a bordo salvadas no Mediterráneo, no marco da súa férrea política de portos pechados.
O pulso durou 20 días, ata a noite do 20 de agosto de 2019, cando a xustiza interveu para permitir finalmente o acceso do barco ao porto da illa italiana de Lampedusa e desembarcar as 83 persoas que quedaban a bordo, pois o resto foran sacadas aos poucos por motivos médicos.
Antes da petición de condena, o fiscal substituto, Colagero Ferrara, apuntou na vista que neste proceso "non hai nada de político" senón que se xulgan "actos administrativos" levados a cabo polo político ultradereitista en calidade de ministro.
A avogada defensora, Giulia Bongiorno, presente no tribunal, tachou de "contraditoria" a súa alegación ao considerar que está a imputar "unha liña política", dixo nunha pausa aos medios.
Ferrara, entre outras cousas, explicou que cando Salvini foi nomeado ministro, en xuño de 2018, "as decisións sobre os desembarcos foron trasladadas ao seu gabinete desde o Departamento para as Liberdades Civís e a Inmigración".
"Era o ministro quen decidía e este é un elemento clave", alegou.
Defender as fronteiras
Ao longo do proceso Salvini defendeu que a súa intención era "defender as fronteiras italianas" e forzar unha repartición de inmigrantes en Europa.
Ademais, asegurou que as súas políticas eran "compartidas" polo resto do Goberno, unha coalición entre a súa Liga e o Movemento 5 Estrelas presidida polo primeiro ministro Giuseppe Conte.
A fiscal sostivo que, en calquera caso, o respecto polas persoas rescatadas debe estar por riba de todo.
"Hai un principio clave e non discutible: entre os Dereitos Humanos e a protección da soberanía do Estado, no noso ordenamento os primeiros deben prevalecer", apuntou.
Este xuízo foi posible porque en xullo de 2020 o Senado votou a favor de permitilo, dado que o político contaba coa inmunidade parlamentaria, e a sentenza en primeiro grao agárdase a mediados de outubro.