A Fiscalía pide que o xuízo a Alves se celebre a porta pechada
A Fiscalía pide que o xuízo a Alves se celebre a porta pechada
A vista será entre o luns e o mércores da semana próxima
A publicación de imaxes da vítima hai unhas semanas extremou o celo das acusacións no seu propósito de protexer a identidade da moza
A Fiscalía solicitou á Audiencia de Barcelona que o xuízo contra o exxogador do FC Barcelona Dani Alves por agresión sexual se celebre integramente a porta pechada co fin de preservar a intimidade da vítima, unha petición á que se sumaron a defensa e a acusación particular.
A Fiscalía e a acusación particular coincidiron en expor esa medida excepcional, á que non se opon a defensa.
A vista terá lugar entre o luns e o mércores da semana próxima.
Dani Alves está acusado de violar unha moza na discoteca Sutton de Barcelona en decembro de 2022.
Na súa petición, o ministerio público mantén que o xuízo a porta pechada é unha medida "indispensable" para protexer o dereito á intimidade da vítima, así como o "respecto" á mesma, que pretende evitarlle os "graves prexuízos" que puidese causarlle un proceso en que se permita a entrada ao público e aos medios.
Tamén a acusación particular expuxo argumentos similares, mentres que a defensa, que xa pediu a nulidade do proceso contra Alves esgrimindo as filtracións á prensa da instrución o caso, non se opuxo á petición para preservar o proceso da exposición mediática que cre o contaminou desde o principio.
Os casos de xuízos a porta pechada son contados na Audiencia de Barcelona, que só adoita acordar esa medida excepcional -contra o principio básico de publicidade dos xuízos- cando as vítimas son menores de idade ou vulnerables.
Na maioría de casos, as vítimas de delitos de violencia sexual adoitan declarar cunha protección especial que evite a súa confrontación visual co acusado e ocasionalmente os xuíces poden acordar que o interrogatorio do denunciante se faga a porta pechada.
No caso Alves, a publicación de imaxes da vítima hai unhas semanas extremou o celo das acusacións no seu propósito de protexer a identidade da moza, de 23 anos.
A avogada da denunciante, de feito, presentou unha denuncia ante os Mossos d'Esquadra pola difusión dun vídeo publicado en Instagram por Lucía Alves, a nai do futbolista, que revela a identidade e datos persoais da moza, e que a mostra gozando de momentos de festa coas súas amigas e insinúa que busca fama e diñeiro.
A raíz desa publicación, a Fiscalía xa anunciou que tomaría as medidas necesarias para protexer a imaxe da vítima no xuízo contra Alves, quen se enfronta a unha condena de nove anos de cárcere e o pago dunha indemnización de 150.000 euros.