A floración das ameixeiras no pazo de Faramello, todo un espectáculo en Galicia
A floración das ameixeiras no pazo de Faramello, todo un espectáculo en Galicia
O xardín botánico alberga unha chea de plantas e flores de orixe xaponesa
Hai visitas guiadas para coñecer a historia do pazo e a súa extraordinaria contorna natural
O pazo de Faramello regálanos unha das paisaxes galegas máis atractivas coa chegada da primavera, a floración das ameixeiras xaponesas. Unha imaxe atípica en Occidente, que podemos admirar neste pazo histórico, que ademais conta con visitas guiadas.
Esta fermosa quinta do pazo Faramello foi tamén a primeira fábrica de papel en Galicia. E no medio desta contorna bucólica atopamos unhas 40 ameixeiras xaponesas que coa chegada da primavera visten de gala a terraza deste lugar histórico. Houbo unha época en que os señores dos pazos competían por traer as flores máis exóticas, e aquí hai unha chea delas de orixe xaponesa.
Certas plantas orientais coma estas ameixeiras xaponesas ou mesmo as camelias adaptáronse moi ben ao clima de Galicia e aos chans ácidos da nosa terra. Pero o truco para que estas plantas boten flor neste lado do planeta está en plantalas sobre a pedra e enxertalas coa técnica de bonsai.
Faramello é o único pazo industrial de toda Galicia e conta con visitas guiadas que nos achegan á súa grande historia e tamén aos seus xardíns botánicos, con árbores centenarias de gran valor. Para ver as ameixeiras hai que apurar, porque esta marabilla floral só resiste unhas semanas en pleno esplendor, por mor da fraxilidade das súas flores.