A fotografía analóxica triunfa entre os máis novos
A fotografía analóxica triunfa entre os máis novos
Os que optan por este formato buscan fuxir da inmediatez e da perfección que ofrecen as cámaras dixitais
Primeiro foron os vinilios e agora tócalles a quenda ás cámaras analóxicas. O vintage semella que está de moda entre os mozos; de feito, atopar carretes de fotografía é misión practicamente imposible.
Beatriz Méndez, do centro de fotografía Josbe, de Ourense asegura que "houbo dous anos en que non se atopaban carretes en España. Incluso chamaban de Madrid e Barcelona pedindo carretes a calquera prezo. Agora mesmo a min esgotáronseme; espero que cheguen máis en breve".
En plena era dixital é difícil entender que é o que hai tras este auxe do analóxico. Nesta tenda de Ourense din que o que buscan os rapaces é precisamente fuxir da inmediatez e da perfección que ofrecen as cámaras dixitais. Beatriz Méndez puntualiza que aos seus clientes máis novos o que mais lles gusta son as imperfeccións que teñen este tipo de fotografías.
Unha moda que sorprende os expertos polo elevado prezo que teñen hoxe en día os carretes de fotografía e o seu revelado.
Eduardo Sánchez, de Eduardo Fotógrafos en Santiago, di que "antes revelar un carrete de 36 fotos custaba mil pesetas e regalábanche outro; agora custa máis de 20 euros e hai que mercar o carrete".
Haberá que agardar para saber se esta moda retro triunfa ou se, polo contrario, acaba velándose.