Publicador de contidos
Publicador de contidos

A fragata Almirante Xoán de Borbón regresa a Ferrol tras seis meses despregada coa OTAN

A fragata Almirante Xoán de Borbón regresa a Ferrol tras seis meses despregada coa OTAN

Durante este tempo encabezou a misión da Alianza Atlántica de vixilancia e disuasión fronte a Rusia no mar do Norte e no Báltico

A operación finalizou "con éxito e sen ningún incidente", explicaba á súa chegada o contraalmirante español Joaquín Ruiz de Escagedo

Momento da chegada da fragata a Ferrol (EFE/Kiko Delgado)
G24.gal 08/07/2024 10:59 Última actualización 08/07/2024 15:05

A fragata Almirante Xoán de Borbón regresou este luns á súa base do arsenal militar de Ferrol tras permanecer durante máis de seis meses despregada na operación Brilliant Shield, na que estivo integrada como buque de mando no seo da SNMG-1, agrupación naval permanente da OTAN.

A Armada indicou que a misión principal dese grupo é a "vixilancia marítima e disuasión", labores aos que se sumou o buque tras partir de Ferrol o pasado 6 de xaneiro.

O buque incorporouse como unidade de mando, ao adherirse ao "núcleo da forza marítima de moi alta dispoñibilidade" da Alianza Atlántica, co contraalmirante español Joaquín Ruiz de Escagedo á fronte desa congregación, dotada dun estado maior internacional.

"Afortunadamente, con éxito e sen ningún incidente", aseguraba o contraalmirante Ruiz á súa chegada ao peirao ferrolán.

Segundo informou a Armada, a fragata operou principalmente en augas tanto do mar do Norte como do Atlántico norte, o mar de Noruega e o Báltico e asumiu un "rol de escolta multipropósito" para contribuír coas súas capacidades a "demostrar o compromiso de España coa OTAN".

"España mandou a agrupación permanente naval número un da OTAN durante seis meses; só hai dúas agrupacións de fragatas permantentes na OTAN, e Epaña mandou esta", destacaba Joaquín Ruiz.

O barco tomou parte en exercicios de inicio das manobras Steadfast Defender 2024, que se desenvolven "nunha situación de crise que vai evolucionando", e completou manobras de guerra antisubmarina e o exercicio Baltops 24, celebrado no Báltico en xuño.

"A misión principal era primeiro monitorizar a situación nesas áreas, onde somos conscientes de que existe certa tensión, proporcionar disuasión coa nosa forza naval ante Rusia, demostrando que a OTAN está unida e estamos dispostos a defendernos. E, por outro lado, asegurar aos países da rexión que estamos alí navegando para a súa seguridade. É un exercicio de xenerosidade por parte de España poñer á disposición da OTAN medios tan capaces como esta fragata", explicaba o contraalmirante.

"Existen momentos de tensión e vívense practicamente a diario. Desde España é máis difícil velo, pero os países da zona viven cunha preocupación permanente e para eles é unha garantía ver que a OTAN opera alí con barcos de moita capacidade, moi avanzados tecnoloxicamente como esta fragata construída en España por Navantia, dos mellores barcos de Europa", concluía Ruiz de Escagedo.

O almirante xefe do arsenal militar de Ferrol, Ignacio Frutos, presidiu o acto de recibimento á dotación da unidade, que se levou a cabo no peirao 5 do recinto castrense. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade