Mazón di que non lle constan as chamadas da ministra Ribera o día da DINA
Mazón di que non lle constan as chamadas da ministra Ribera o día da DINA
Margarita Robles asegura que o Exército non abandonará Valencia mentres faga falta e que non se faga caso a rumores
Grande-Marlaska sinala que o sistema Es-Alert xa fora activado máis de cincuenta veces en distintas comunidades
A xornada comezaba coa xuntanza do comité de crise, presidido por Pedro Sánchez, que constataba a coordinación fluída entre as distintas Administracións nos traballos de recuperación da DINA. Expoñíase que se despregaron ata este sábado 8.495 militares e 9.728 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil.
Pouco despois, Margarita Robles facía unha puntualización desde Valencia:
"Imos estar en Valencia o tempo que sexa necesario, que ninguén pense que os imos deixar sós. Imos estar e que non fagan caso a rumores".
Outro ministro, o de Interior, sinalaba que, sen querer entrar en polémica, o sistema Es-Alert para emerxencias está a disposición das comunidades autónomas desde 2022 e que foi utilizado en diversas ocasións.
"O sistema xa foi posto ou foi activado por distintas comunidades en distintas emerxencias en máis de cincuenta ocasións".
Por outra parte, o presidente valenciano, Carlos Mazón, sinalaba hoxe que non lle consta que a ministra Ribera se puxera en contacto con el antes das oito da tarde do día da DINA.
"Logo vin algún SMS estando aquí, cunha cobertura moi complicada. É que aquí non había cobertura. Entón, claro, podes dicir que se puxo en contacto con nós despois da alerta, despois do aviso de riada xa, a partir das oito da tarde".
Mazón defende que estivo “puntualmente informado” durante a que define como "comida de traballo" coa xornalista Maribel Vilaplana e que, en realidade, todo cambiou a partir das sete da tarde cando a treboada se converte en riada.