A frota galega podería perder 34 millóns coa redución de cotas que propón Bruxelas
As frotas do palangre, do arrastre e do cerco son as máis afectadas nesta negociación
O ditame do Consello emitirase o vindeiro domingo día 12
Os recortes que propón Bruxelas para o xurelo, a pescada e o peixe sapo poñen en perigo os ingresos da frota galega. Un estudo da USC conclúe que afectaría a frota que vai á pescada en máis de 23 millóns de euros.
Para o xurelo o recorte de ingresos chega aos 7,9 millóns, e no caso do peixe sapo aos 2,6 millóns. Son en total máis de 34 millóns de euros os que están no aire.
Tamén case 400 postos de traballo están en xogo cos recortes de cota propostos por Bruxelas para o 2022. Este estudo encargado pola Consellería do Mar será un dos principais argumentos para tentar evitar a redución na captura de pescada, xurelo e peixe sapo en augas ibéricas e do norte.
O Goberno galego e o sector consideran que a proposta non cumpre co equilibrio ambiental, económico e social da política pesqueira común. Falan dun novo golpe para o sector, que aínda padece as consecuencias do 'brexit' e a pandemia.
As frotas do palangre, do arrastre e do cerco son as máis afectadas nesta negociación. O ditame do Consello emitirase o vindeiro domingo día 12.