Buscan un método para afastar os golfiños dos barcos e evitar mortes coma a do Orzán
Os mariñeiros cortan a cola dos golfiños que atopan mortos para salvar o aparello
No que vai de ano, a Cenma recolleu 130 animais en terra, arrastrados polos temporais
Nadan pegados aos barcos seducidos polo encanto dos peixes, buscando comida, e acaban caendo nas súas redes.
"Cando o animal queda enmallado no aparello, ao retiralo da auga xa está morto, e os traballadores do mar teñen dúas opcións: ou danar o aparello e provocar danos na rede ou cortar a cola", xustifica Bruno Díaz, biólogo e director do Instituto BDRI.
Elixen o segundo. É o normal, pero non por iso menos triste. O golfiño do Orzán chegou á praia sen cola, co corpo mazado, con feridas abertas e envolto en redes. No que levamos de ano, en dous meses, o Cenma rescatou 130 animais en terra e, non por casualidade, quedan máis por aparecer.
"Son animais que morren no mar por causas de diferente tipo e acaban chegando a terra. A secuencia de temporais que tivemos nos últimos meses continuos provocaron que botan moitos corpos mortos directamente nas nosas praias. É un número moi elevado", engade Bruno Díaz.
Mariñeiros e golfiños levan toda a vida compartindo peixe e espazos, pero agora a convivencia é agora máis complexa.
"Como os recursos son cada vez máis limitados, a competencia entre o home e o golfiño está aumentando", sinala o director do Instituto BDRI.
Un problema para o que se buscan solucións: os armadores de Vigo, en colaboración co Instituto BDRI do Grove, están probando un aparello que afaste os delfíns dos barcos.
"Eles queren empregar uns aparellos acústicos de nova xeración que, en teoría, poden facilitar o afastamento dos animais das redes. Pola nosa banda, estamos facendo as medicións e o protocolo que se debe de seguir para saber se este tipo de aparellos pode funcionar", explica Díaz.
Para evitar máis mortes por accidente e tamén as perdas que lles supoñen aos mariñeiros.