A Galería Nordés é a única galega presente na edición deste ano en ARCO
A Galería Nordés é a única galega presente na edición deste ano en ARCO
A feira internacional de arte contemporánea, con 211 galerías, abre as súas portas no IFEMA de Madrid do 22 ao 26 de febreiro
A presenza galega nesta edición de Arco redúcese á galería Nordés, de Santiago. É a cuarta edición en que está presente. No seu posto poden verse obras de artistas galegos como Pablo Barreiro, Rosendo Cid e Julia Huete.
En ARCO a xente pasa, dun lado para outro. Pero nós quedamos no Nordés. Na galería Nordés. Consolidada xa nunha das feiras de arte máis importantes do mundo.
E a esta edición de Arco traen os distintos tipos de amarelo do ourensán Rosendo Cid que son paisaxes da conciencia... os traballos sobre a abstracción da tamén ourensá Julia Huete, ou as pezas de Pablo Barreiro coa arxila do complexo intermareal Umia O Grove.
A 42 edición de Arco non pasa de longo sobre o ano Picasso. Agora a piques de cumprirse o 50 aniversario do falecemento do pintor, podemos ver unha figura de resina dun Picasso posmortem. E como non hai Arco sen polémica, este ano é á conta da decisión da dirección de eliminar o programa dedicado especificamente ás mulleres.