A Garda Civil busca dous homes que atracaron armados un estanco en Moaña e fuxiron cos cartos da caixa
A Garda Civil busca dous homes que atracaron armados un estanco en Moaña e fuxiron cos cartos da caixa
A Garda Civil busca dous homes que atracaron armados un estanco en Moaña e fuxiron cos cartos da caixa
Dúas persoas accederon ao establecemento portando unha arma, aínda que se descoñece polo de agora se era real ou de simulación
Unha vez no interior esixíronlle os cartos á dependenta, a muller entregoulles a recadación do día e os atracadores fuxiron do lugar
A Garda Civil busca dúas persoas que atracaron un estanco en Moaña, tras intimidar cunha pistola a dependenta.
Segundo fontes da investigación, sucedeu pouco despois das 21:30 horas nun estanco da avenida da Xunqueira. Dúas persoas accederon ao establecemento portando unha arma, aínda que se descoñece polo de agora se era real ou de simulación. Ambos os dous ían vestidos de negro e coa cara cuberta. Unha vez no interior esixíronlle os cartos á dependenta que estaba no local mentres a ameazaban.
A muller entregoulles os cartos da recadación do día e os atracadores fuxiron do lugar. A continuación a dependenta alertou a Garda Civil, que acudiu á zona a tomar pegadas e a recoller testemuños que os axuden a localizar o paradoiro destes dous delincuentes.
Este roubo xerou unha grande alarma en Moaña, porque xa é o segundo que sofre a zona nas últimas semanas. O anterior producíase o 18 de setembro nunha farmacia de Meira. Un home entrara, pistola en man, no establecemento e levara 400 euros. A Garda Civil segue buscando os delincuentes.
Investígase se podería haber algún tipo de relación entre estes dous roubos, é dicir, se poderían ser as mesmas persoas. Con todo, este segundo asalto fixo saltar as alarmas neste concello de Moaña que incrementará a vixilancia nas súas rúas.