A Garda Civil busca a exparella da muller asasinada en Baiona como autor do crime
A Garda Civil busca a exparella da muller asasinada en Baiona como autor do crime
O cadáver presentaba diferentes golpes en distintas partes e estaba ás portas da vivenda da súa exparella, que tiña en vigor unha orde afastamento
O agresor foi o que alertou os servizos de emerxencias pero fuxiu en canto chegaron "Eu non me vou a comer este marrón"
A Garda Civil investiga como posible crime machista a morte dunha muller esta madrugada en Baiona, na parroquia de Belesar. A vítima, Estela B. S, é unha muller de 36 anos cuxo corpo foi achado sen vida pouco despois das cinco da madrugada no lugar das Insuas.
O cadáver presentaba diferentes golpes en distintas partes e estaba ás portas da vivenda da súa exparella, ao que está a buscar a Garda Civil. Foi precisamente este home, Humberto G.R, de 38 anos, ao que busca a Garda Civil, quen chamou tanto ao 061 como a Benemérita para contar o que sucedera, pero cando os axentes chegaron ao momento xa emprendera a fuxida.
A vítima estaba no sistema VioGén e a súa exparella tiña en vigor unha orde de afastamento de 200 metros.
Segundo manifestou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, cando chegaron os sanitarios ata o lugar, a súa exparella marchou correndo e negou ter relación co falecemento.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, precisou que as "circunstancias, de momento, están pouco claras" e advertiu de que "unha vez" que a Garda Civil dea co paradoiro do home e se completen as dilixencias coa autopsia e o resto de indagacións, haberá datos "máis concretos" para coñecer as circunstancias deste caso.
O subdelegado pediu "máxima prudencia", xa que se trata dunha muller con familia e esta atópase "sumida na lóxica consternación", e "tamén paciencia" e deixar que a Garda Civil e autoridades xudiciais completen a investigación.
Losada púxose en contacto co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, para informalo e expresar as súas condolencias á familia e o "círculo próximo da falecida e o pobo de Baiona.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, trasladou o seu pésame polo falecemento da muller de 36 anos en Baionae lamentou, de confirmarse como violencia machista, que "esa secuela segue aí" e "queda moitísimo traballo por facer".
Nese sentido, Rueda constatou que "queda moitísimo traballo por facer" e sinalou que "haberá que analizar se se produciu algún fallo". "Parece ser que ela estaba no sistema VioGén, temos que analizar que pasou e non baixar a garda", apuntou.
Finalmente, lamentou que "por desgraza, estas cousas horribles seguen sucedendo", e engadiu: "Temos un enorme problema con moitísimas dimensións que nos golpea con toda a súa crueza, como acaba de pasar en Baiona, se se confirma que é un crime machista".
O sospeitoso do asasinato machista: "Eu non me vou a comer este marrón"
O sospeitoso do asasinato machista que se rexistrou en Baiona afirmou, antes de darse á fuga tras descubrirse o cadáver do seu exparella no seu propio domicilio, que "eu non me vou a comer este marrón".
É o que, segundo o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, diría o presunto homicida cando chamou ao 112 para solicitar asistencia sanitaria para a vítima, unha muller de 36 anos da que tiña en vigor unha orde de afastamento.
"Cando chegaron o sanitarios el escapou", subliñou Losada, que explicou que este home está "pendente de localización" e sobre el a Garda Civil activou un amplo dispositivo de procura por toda a zona.
Os sanitarios atenderon á vítima, "que era a súa competencia" aclarou o subdelegado, pero xa só puideron confirmar o seu falecemento. A muller, segundo os primeiros exames, presentaba múltiples golpes en distintas partes do corpo, aínda que aínda está pendente a autopsia que determine a causa da morte.
No teléfono 016 atenden a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 53 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es; tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.
Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e en caso de non poder chamar pódese recorrer á aplicación Alertcops, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.