Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arranca o xuízo polo crime de Velle coa petición por primeira vez en Ourense de prisión permanente revisable

Arranca o xuízo polo crime de Velle coa petición por primeira vez en Ourense de prisión permanente revisable

Os feitos sucederon en febreiro de 2021 cando o acusado foi ata a casa onde vivía un curmán xunto á súa parella, en Velle, coa intención de acabar coa vida de ambos

Morreu a muller de 22 anos e o home de 26 quedou ferido de gravidade

 

 

Axente da policía ante a vivenda de Velle, en Ourense, onde suceron os feitos/ Febreiro de 2021 Axente da policía ante a vivenda de Velle, en Ourense, onde suceron os feitos/ Febreiro de 2021
G24.gal 17/11/2024 19:03 Última actualización 17/11/2024 19:56

O luns comeza na Audiencia Provincial de Ourense o xuízo polo crime de Velle, no que o acusado, Diego R. T., afronta penas de ata 24 anos de prisión, 17 por un delito de asasinato e 7 polo delito de asasinato en grao de tentativa.

É o primeiro caso nesta provincia no que se solicita a prisión permanente revisable. O xuízo arrinca coa constitución do xurado popular, que se encargará de ditaminar o veredicto, e está previsto que continúe ata o xoves contra o único acusado do crime, que acabou coa vida do seu curmán e da parella deste.

O home permanece en prisión provisional comunicada e sen fianza.  Tanto o acusado coma as vítimas do ataque vivían na mesma parroquia ourensá de Santa Marta de Velle. O escrito da Fiscalía recolle que os feitos sucederon en febreiro de 2021, cando o acusado se dirixiu na madrugada á casa onde vivía a parella, coa intención de acabar coa vida de ambos.

Na súa casa colleu un coitelo, poñendo como escusa que a súa nai ía utilizalo para matar animais.

“Con intención de acabar coa vida do seu curmán e da súa parella, sen un estímulo previo ou causa que o xustifique, de forma premeditada, tranquila, sen impulsividade, planificando e organizando o que ía facer: colle un coitelo na súa casa; dille á nai que vai matar uns coellos, pecha a porta e diríxese á casa do seu curmán, na mesma rúa.

Alí, empeza a berrar: “abre, abre” “e cando o seu curmán, de 25 anos, lle abre a porta, abalánzase sobre el sen posibilidade de defensa dicindo "vouvos matar" e empeza a cravarlle o coitelo repetidamente, por distintas partes do corpo”, recolle o escrito.

O fiscal sinala ademais que a parella da vítima, de 22 anos, interponse "indefensa" na agresión, dicíndolle ao acusado que o deixase porque "xa estaba morto”.

Nese momento, prosegue o escrito, o acusado, lonxe de cesar na súa actitude, “arremete contra ela asestándolle unha coitelada no pescozo”, e outras sucesivas, que lle provocaron unha hemorraxia aguda grave e a morte.

O seu curmán, que conseguiu arrastrarse ata o teléfono, chamou ao seu pai dicíndolle que o seu curmán o acoitelou e escribiu co seu propio sangue no chan o nome do suposto autor do asasinato, por se non sobrevivía que se soubese quen fora o agresor.

Logo, o acusado desfíxose do coitelo que levaba, tirándoo nunha leira próxima, e regresou á súa casa, saltando a alarma do inmoble cando entra, desactivándoa e respondendo tranquilamente á chamada da central; así como, á súa nai, a quen lle dixo que viña “de matar os coellos” que lle tiñan encargado.

O fiscal ten en conta neste caso a circunstancia atenuante de alteración psíquica do acusado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade