Publicador de contidos
Publicador de contidos

A busca do suposto autor do crime machista de Baiona esténdese ata Portugal

A busca do suposto autor do crime machista de Baiona esténdese ata Portugal

Os investigadores non descartan que poida estar agochado nunha zona próxima ao lugar do crime
 

G24.gal 12/11/2024 13:59

As forzas de seguridade seguen na busca da exparella da muller asasinada en Baiona. Nas últimas horas continuaban coa inspección das zonas máis próximas ao lugar do crime, aínda que o operativo se ampliou a outras provincias e á fronteira con Portugal.

Tamén axentes de paisano participan na busca do presunto asasino, un home de 38 anos que tiña unha orde de afastamento da vítima por malos tratos e a última persoa que a viu con vida. Despois de alertar os servizos de emerxencia, fuxiu a pé da súa vivenda, onde supostamente ocorreron os feitos.

O seu vehículo continúa no interior da propiedade e, por iso, aínda que todas as hipóteses están abertas, os investigadores pensan que podería continuar oculto na zona do crime.

Segundo os veciños da zona nas últimas horas os axentes da Garda Civil rexistraron algunhas vivendas abandonas na parroquia de Belesar na busca do presunto asasino ou na procura de calquera pegada que poida axudar na investigación.

Onte remataron os tres días de loito oficial pola vítima pero continúan os actos en repulsa do crime. Diante do edificio de Presidencia da Xunta de Galicia e nas delegacións territoriais gardouse un minuto de silencio en repulsa polo asasinato cometido en Baiona e en apoio á familia da vítima, no que se fixo un chamamento á unidade na loita contra a violencia machista.

Estela é a vítima número 40 deste 2024. Desde que hai rexistros, en 2003,1.284 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade