Publicador de contidos
Publicador de contidos

A autopsia da muller atopada morta en Baiona atribúe a causa aos golpes na cabeza

A autopsia da muller atopada morta en Baiona atribúe a causa aos golpes na cabeza

A Garda Civil segue a busca da súa exparella cun operativo para o que xa pediu colaboración das forzas de seguridade portuguesas

Concentración en Vigo de repulsa pola morte de Estela

Portal da vivenda onde sucederon os feitos en Baiona
G24.gal 09/11/2024 13:10 Última actualización 09/11/2024 20:53

A Subdelegación do Goberno confirmou que a autopsia da muller de 36 anos de idade, E. B. S, atopada morta este venres na vivenda da súa exparella en Baiona atribúe a causa da morte aos golpes que tiña na cabeza.

Mentres, continúa a busca do home co que estaba na noite do xoves. A Garda Civil incorporou medios aéreos e pediu a colaboración da Policía Nacional e das forzas de seguridade portuguesas.

Aínda non se produciron detencións en relación con este crime, ocorrido na zona das Ínsuas, na parroquia baionesa de Belesar, pero buscan á exparella, que foi denunciada por violencia de xénero e que tiña unha orde de afastamento.

O aviso sobre a aparición do corpo deuno a propia exparella da vítima, que informou á Garda Civil de que a atopou ás portas da súa vivenda e que, tras metela no domicilio e tapala cunha manta, chamou os servizos sanitarios.

Fuxida do lugar

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou de que recibiu a chamada sobre as 4:35 horas da madrugada e enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico medicalizada cun equipo de Atención Primaria. Cando chegaron ao lugar, os sanitarios só puideron confirmar o falecemento.

O Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada explicou que, á chegada do persoal do 061, a exparella da muller "negou ter relación co falecemento" e fuxiu correndo.

Cando chegaron os axentes da Garda Civil, o home xa non se atopaba no domicilio.

A vítima estaba rexistrada no sistema VioGén como un caso de "risco medio", explicou o subdelegado, e o home ten unha orde de afastamento, ditada polo xulgado de instrución 4 de Vigo, que lle impide achegarse a menos de 200 metros dela.

Atención a vítimas de violencia machista

No teléfono 016 atenden a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 53 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es; tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.

Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e en caso de non poder chamar pódese recorrer á aplicación Alertcops, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade