Publicador de contidos
Publicador de contidos

A gasolina encadea preto de tres meses á alza e acada niveis do pasado outubro

A gasolina encadea preto de tres meses á alza e acada niveis do pasado outubro

A gasolina é un 8,1 % máis cara que cando comezou o ano, mentres que o gasóleo encareceuse preto dun 4 %

G24.gal 11/04/2024 12:43

Os prezos dos carburantes en España mantivéronse á alza na última semana, regresando a niveis que non se acadaban desde o pasado mes outubro. Nesta ocasión, o litro de gasolina pagouse, de media, a 1,66 euros, un 0,9 % máis ca a semana anterior. Con esta suma a súa duodécima subida consecutiva e regresa a niveis de mediados do pasado outubro.

O gasóleo non queda atrás e vai polo terceiro aumento. Entre o 2 e o 8 de abril custou arredor de 1,551 euros/litro, case un 0,7 % máis, no que foi o seu terceiro avance seguido, segundo o último Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE) publicado este xoves, que recolle os datos de 11.400 estacións de servizo españolas.

Segundo o histórico elaborado por EFE, no último mes a gasolina repuntou un 2,8 %, en tanto que o gasóleo fíxoo un 0,6 %. En comparación coas mesmas datas do exercicio anterior, o prezo do primeiro carburante é agora un 1,2 % máis caro, mentres que o do diésel subiu máis dun 1,8 %. A subida é moito máis elevada se a comparamos co inicio desde ano. Desde entón, a gasolina encareceuse un 8,1 % e o gasóleo preto dun 4 %.

Cos niveis da última semana, encher un depósito medio de 55 litros con gasolina custaría 91,3 euros; mentres que para encher un de gasóleo, abonaríanse uns 85,3 euros. Iso supón arredor de 1 e 1,5 euros máis que ao que se pagaba hai un ano por encher un tanque de gasolina e outro de gasóleo, respectivamente.

Observando os máximos de xuño de 2022, 1,941 euros por litro de gasolina co desconto de 20 céntimos que se aplicaba entón incluído, e 1,9 euros por litro de gasóleo, o primeiro carburante é un 14,5 % máis barato e o segundo, un 17,3 %. Como cada semana, os prezos en España estiveron por baixo da media da UE, onde a gasolina pagouse a 1,801 euros/litro, e o gasóleo, a 1,696 euros. Tamén son inferiores aos vistos no conxunto da zona euro, cuxo prezo media da gasolina foi de 1,853 euros/litro, e o do diésel, 1,723 euros.

Estes incrementos prodúcense en plena subida dos prezos do petróleo, os cales se achegaron a principios de abril a máximos de seis meses. Esta circunstancia avivou o temor dos investidores a que a inflación poida atrasar ou facer descarrilar os futuros recortes dos tipos de interese.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar