A guerra protagoniza o Foro de Davos, que volve ser presencial
A guerra protagoniza o Foro de Davos, que volve ser presencial
Zelenski pide na primeira xornada que todas as empresas saian de Rusia
Sánchez acode á cita en busca de investimentos para o sector dos microchips
Dous anos despois, o Foro de Davos recupera o carácter presencial. Na cidade suíza reúnense desde este luns 2.500 líderes mundiais da política e da economía. Nesta edición, a pandemia cédelle o protagonismo a outro desastre: o da guerra.
Rusia non está convidada. O local onde adoitaba promocionarse, rebautizouno o Goberno ucraíno como Casa dos Crimes de Rusia. Dentro funciona unha exposición sobre as atrocidades cometidas desde o inicio da invasión.
Na primeira xornada do foro, o presidente ucraíno Volodimir Zelenski invitou todas as empresas estranxeiras a que abandonen Rusia e se instalen no seu país para participar na reconstrución.
Instou ao bloqueo sen excepción de todos os bancos rusos e pediu axuda para abrir un corredor polo que exportar os 10 millóns de toneladas de cereais que o invasor mantén bloqueadas.
Por terceira vez, Pedro Sánchez acode ao foro. Este martes levará ao plenario unha mensaxe de confianza na economía española. Pero a clave da súa viaxe serán os encontros con Intel, Qualcomm, Cisco e Micron, as catro principais compañías de microchips do mundo.
Vainas animar a investir en España no mesmo día en que o Consello de Ministros aprobará destinar 11.000 millóns de euros de diñeiro público para converterse nunha potencia no deseño e fabricación de semicondutores.