A idade media en Galicia subiu case seis anos dende o inicio do século
A idade media en Galicia subiu case seis anos dende o inicio do século
No noroeste peninsular achégase aos 50 anos
A máis baixa localízase en Ceuta e Melilla
No noroeste peninsular (Asturias, Castela e León e Galicia por esta orde) estase preto de alcanzar os 50 anos de idade media da poboación, maior nas mulleres ca nos homes, tras subir ao redor de cinco anos no que vai de século, de acordo coas últimas cifras de poboación do INE.
Segundo o padrón continuo do Instituto Nacional de Estatística (INE) a 1 de xaneiro de 2022, a idade media da poboación asturiana era de 49 anos e dous meses, a castelán-leonesa de 48 anos e tres meses e a galega de algo máis de 48.
Tamén por riba da media (44 anos e un mes) están Cantabria e o País Vasco, con máis de 46 anos; Aragón e Estremadura, con máis de 45, e A Rioxa, case nesa idade.
Lixeiramente por baixo sitúanse a Comunidade Valenciana, con pouco máis de 44 anos; e Navarra, Castela-A Mancha, as Canarias, Cataluña e Madrid, con máis de 43 anos de media.
A idade media máis baixa localízase en Ceuta e Melilla, con 38 anos e tres meses e 36 anos e medio, respectivamente; en Murcia, con 41 anos e dous meses; as Baleares, con 42 anos, e Andalucía, con 42 anos e nove meses.
Dada a súa maior lonxevidade, a idade media das mulleres é máis alta en todas as comunidades, tamén de xeito salientable na mesma área xeográfica: case 50 anos e 10 meses en Asturias; 49 anos e sete meses en Castela e León e Galicia.
Suba xeneralizada
Desde o ano 2000, a comunidade na que máis subiu a idade media da poboación é as Canarias, practicamente sete anos, seguida de Asturias e Galicia (5 anos e oito meses) e Andalucía e Estremadura (cinco anos e catro meses).
Onde menos medrou é en Aragón, só dous anos e medio -igual que en Melilla-; en Navarra, dous anos e sete meses; e en Cataluña, dous anos e nove meses. Ao comezo do século, a media achegábase aos 40 anos e ningunha comunidade chegaba aos 44 anos.