A ilusión do Burgos contra a obrigación do Frigoríficos
A ilusión do Burgos contra a obrigación do Frigoríficos
O maior problema para o equipo galego son os descartes que terá que realizar o seu técnico, Nacho Moyano
O Frigoríficos conta con oitos xogadores estranxeiros no seu equipo e só poden xogar cinco
San Pablo Burgos e Frigoríficos abren este mércores no polideportivo municipal O Plantío o playoff de permanencia na liga Asobal, o primeiro dos dous asaltos que decidirá quen xoga a próxima tempada na máxima categoría.
O equipo dirixido por Roi Sánchez chega tocado a esta eliminatoria. Ao Burgos escapóuselle o ascenso directo no tramo final da División de Honra Prata, no que non aguantou a presión do Guadalaxara, que sumou un triunfo vital no Plantío na antepenúltima xornada.
Tivo outra oportunidade na fase de ascenso que organizou na súa pista, pero perdeu na final ante o seu eterno rival, o Villa de Aranda.
O Frigoríficos, pola súa banda, chega a esta eliminatoria no seu mellor momento do curso, despois de asinar unha espectacular segunda volta que lle permitiu chegar á última xornada do curso ligueiro con opcións de evitar o playdown.
Moyano: "Inevitable ter bolboretas no estógamo. Somos conscientes do potencial de Burgos"
As vitorias de Cuenca e Puente Genil, con todo, impedírono. O maior problema para o equipo galego son os descartes que terá que realizar o seu técnico Nacho Moyano. O Frigoríficos conta con oitos xogadores estranxeiros no seu plantel e só poden xogar cinco.
Un será o pivote portugués Eduardo Mendonça, quen apenas contou para o adestrador madrileño desde a súa chegada no mercado invernal. Os outros dous son unha incógnita. Moyano elixirá entre o central húngaro Toth, o pivote Essam e os caboverdianos Rafa Andrade e Elcio Carvalho, xa que o portugués Jenilson Varela e o danés Mads Thymann son indiscutibles.