A incidencia da covid dispárase en Barbadás, con 120 casos activos
A incidencia da covid dispárase en Barbadás, con 120 casos activos
Hai 120 casos activos, un terzo no colexio Filomena Dato da Valenzá
O covidauto multiplica a actividade polos cribados en centros escolares da provincia
O número de positivos aumentou un 15 % en Barbadás de onte para hoxe. Hai 120 casos activos e un terzo, arredor de corenta, están no colexio de educación infantil e primaria Filomena Dato.
A maior parte son alumnos, unha trintena, pero tamén hai persoal do centro. Moitos pais optaron por non enviar os nenos á clase á espera da evolución dos casos.
"Fixémoslle un test de antíxenos e deu negativo. Se hoxe pasa ben o día, mañá incorporarase de novo, cos catro ou cinco nenos que van á súa clase, porque a xente ten medo e non os manda", comenta unha nai.
Máis casos na cidade
Na cidade tamén seguen subindo os casos. O número de positivos sobe xa dos 800 e hai varios centros escolares con gromos. As consecuencias obsérvanse no covidauto, que xa habilitou novos puntos de extracción de mostras.
"Estes días están sendo duros. En quince días quintuplicamos actividade. En pouco tempo tivemos que adaptarnos á nova demanda", explica Miriam Vázquez Campo, coordinadora do covidauto.
Están facendo un milleiro de PCR ao día, unha alta porcentaxe a estudantes. Primeiro foron os de Maristas e, agora, Salesianos.
"Vimos porque na clase dos nosos fillos hai positivos. Citáronnos por prevención e hai que vir", comenta un pai. "No noso curso hai poucos casos porque estamos vacinados, pero nas clases dos máis pequenos si que hai problemas", subliña un estudante que acaba de facer a proba.
En canto aos ingresos hospitalarios na área sanitaria de Ourense, segue habendo 5 persoas na UCI e hai dúas máis en planta, 47 en total.