Miles de persoas na baixada dos cabalos da Feira das San Lucas de Mondoñedo
Miles de persoas na baixada dos cabalos da Feira das San Lucas de Mondoñedo
As históricas pedras de Mondoñedo resoaron baixo os cascos de máis de 500 cabalos
Iniciada na Idade Media, é a feira cabalar máis antiga de Galicia
A feira das San Lucas data de hai 900 anos, pero a tradición da baixada dos cabalos dos montes do Xistral guiados polos seus donos e paseados polas rúas de Mondoñedo ata o campo da feira é relativamente recente como explica o arqueólogo Abel Vigo.
"O cabalo convértese na estrela ds San Lucas desde mediados do século XIX. Convertéronse en algo tradicional elementos como o de hoxe, a baixada dos poldros salvaxes en varias quendas de cara á feira de mañá que é o día grande da feira".
É o momento máis agardado das vésperas. Xinetes e gandeiros xuntaron este ano 500 cabalos, espectáculo que miles de persoas non quixeron perder. E máis cómodos ca outros anos coas gradas habilitadas e o bo tempo.
A percepción dos mindonienses é que a feira ten cada vez máis aceptación, está máis difundida e hai máis demanda para poder asistir a calquera das súas actividades.
Agardan aínda máis visitantes para este venres, 18 de outubro, día grande da feira máis antiga do país e, ao parecer, unha das máis populares.