Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous ataques de lobo en Mondoñedo en menos dunha semana

Dous ataques de lobo en Mondoñedo en menos dunha semana

Sucédense os ataques de lobo en Mondoñedo

A última vítima foi un poldro de seis meses

G24.gal 24/09/2024 14:12

Un poldro de seis meses é o último dunha longa lista de vítimas que están a deixar os lobos na comarca da Mariña. Hai ataques practicamente a diario e os veciños xa se achegan con medo a revisar os seus animais. O último ataque rexistrouse nunha leira da parroquia de Santa María A Maior de Mondoñedo, moi preto das casas, pero hai só uns días o seu propietario perdía outro poldro nun concello lindeiro.

"Cando baixei pola mañá vin que estaba a besta e non tiña o poldro entón parei e xa vin o animal morto. Hai uns días nunha finca en Lourenzá matoume outro poldro", sinala o dono do poldro, Moisés García.

Mellor sorte corre outro poldro. Os lobos mordérono nas patas pero conseguiu salvar a vida e trátanlle agora as feridas. O seu propietario xa perdeu outros dous irmáns deste e destaca que tras os lobos veñen os voitres deixando os gandeiros sen probas coas que reclamar as perdas.

"Este poldro librou de casualidade, se lle vai ao pescozo, onde atacan normalmente, non libra. O ano pasado matoume dous poldros dos que se atopou a pel e ósos. Se non vas a diario a velos e o atopas a tempo despois non tes como reclamar", comenta o gandeiro Pablo Bouso.

Uns e outros coinciden en que hai máis lobos ca nunha e que atacan xa ao pé das casas. 

"Nestes últimos cinco anos isto é terrible".

"Antes non baixaban os lobos tan abaixo, onde chegan hoxe en día".

Urxen medidas que poñan freo ás constantes perdas que sofren nas súas explotacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade