Publicador de contidos
Publicador de contidos

A instalación e explotación de polígonos de eólica mariña adxudicarase por concursos

A instalación e explotación de polígonos de eólica mariña adxudicarase por concursos

O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables situadas no mar

O Goberno aproba o novo plan climático, que reduce as emisións de gases e aposta polas renovables

G24.gal 24/09/2024 13:45

A instalación e explotación de polígonos de eólica mariña vaise realizar mediante concursos de concorrencia competitiva, segundo explicou este martes a vicepresidenta terceira e ministra para Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.

O Consello de Ministros aprobou este martes o Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables situadas no mar, que será o marco normativo de referencia para desenvolver este tipo de instalacións.

O decreto afecta as instalacións eólicas mariñas e a outras enerxías renovables que se poidan situar no mar ou que aproveiten a súa enerxía, e establece unha excepción ao ámbito liberalizado da xeración eléctrica.

Estes procedementos de concorrencia competitiva permitirán outorgar á vez o Réxime Económico de Enerxías Renovables, a reserva de capacidade á rede de electricidade nun nó concreto e a prioridade no outorgamento da concesión de ocupación do Dominio Público Marítimo-Terrestre.

Os proxectos, en todo caso, insisten desde o Ministerio, seguirán someténdose aos requisitos ordinarios, como obter unha Declaración de Impacto Ambiental positiva ou cumprir fitos e prazos de tramitación.

Tamén queren incidir desde o Goberno, que "atendendo á gran complexidade dos proxectos no mar, a norma establece unha fase de diálogo público entre os promotores e os sectores afectados" para, entre outras cousas, permitir a coexistencia das instalacións de xeración con outros usos das augas, como a navegación ou a pesca.

Cada procedemento de concorrencia competitiva vai estar regulado por unha Orde ministerial que incluirá elementos como a área das Zonas de Alto Pontencial (ZAPER) onde se van situar as instalacións e os nós de conexión, a cota de potencia, os parámetros retributivos ou o prazo de concesión.

Entre outros criterios de adxudicación poderanse incluír, entre outros, a minimización do impacto ambiental e do espazo ocupado, a xeración de emprego local, o uso de materiais reciclados ou medidas para favorecer a compatibilidade con outros sectores, como a pesca. Ata un 30 % dos criterios non terá carácter económico.

Esta mesma Orde ministerial establecerá as bases do diálogo público entre os promotores e os actores afectados, que poderá atender a elementos como as áreas de localización e os requisitos do concurso, os elementos do deseño, construción, explotación e desmantelamento das instalacións, ou os criterios de ponderación.

Tras a celebración deste diálogo, outra Orde ministerial convocará o concurso, establecendo o calendario e outros elementos, e poderá incluír modificacións dos parámetros e criterios derivadas do diálogo público celebrado.

A avaliación das solicitudes corresponderalle a unha comisión técnica integrada polo MITECO e outros departamentos implicados, como o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Ministerio de Defensa ou o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade