A intelixencia artificial cambiará nas aulas o modo de ensinar, de aprender e de avaliar
A intelixencia artificial cambiará nas aulas o modo de ensinar, de aprender e de avaliar
Segundo os expertos, a IA logrará personalizar a aprendizaxe e introducir novas metodoloxías
Tamén permitirá a detección temperá de problemas de aprendizaxe
No Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións levan xa tempo traballando no impacto da intelixencia artificial na educación. Entre as súas tarefas está a de formar o profesorado, que ten un gran reto por diante.
Os expertos consideran necesaria a regulación do uso da intelixencia artificial, pero aseguran que transformará "positivamente" as estratexias docentes.
"A intelixencia artificial ben utilizada na aula polos profesores e polos estudantes poden lograr novas perspectivas, chegar a novas cotas ás que antes non dabamos chegado na aprendizaxe. Creo que é cuestión de regular, de repensar, de facer formulacións máis éticas", di Francisco Bellas, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
A intelixencia artificial cambiará, por tanto, o modo de ensinar, de aprender e de avaliar. Permitirá personalizar a aprendizaxe e introducir novas metodoloxías de ensino nas aulas.
"Os profesores van ter que dar unha volta, repensar as actividades que estaban propoñendo ata o momento, repensar se as metodoloxías educativas tradicionais que estabamos a usar aínda teñen sentido, que novas metodoloxías, que novos traballos, que novas formas de aprender se lles pode presentar aos estudantes porque a realidade social é esta", engade.
Tamén permitirá a detección temperá de problemas de aprendizaxe e potenciará o uso de axentes virtuais intelixentes que proporcionen apoio ao alumnado.