A intelixencia rusa acusa a Ucraína de implicación directa no atentado do Crocus City Hall
A intelixencia rusa acusa a Ucraína de implicación directa no atentado do Crocus City Hall
O xefe da espionaxe estende as acusacións aos servizos secretos de occidente
Zelenski chama "besta cínica e enferma" a Putin tras as acusacións
Rusia desbota que o Estado Islámico sexa o único responsable do atentado terrorista do pasado venres. Despois das insinuacións máis ou menos veladas de Vladimir Putin, este martes foi o seu xefe de intelixencia quen acusou directamente non só a Ucraína, senón tamén a Occidente de complicidade.
Sergeui Bortnikov, xefe do Servizo Federal de Seguridade, dixo que "cremos que a acción foi preparada polos islamistas radicais e facilitada por servizos secretos occidentais. Os servizos de intelixencia de Ucraína están directamente implicados".
Sen ofrecer probas, o xefe da espionaxe rusa asegurou que Ucraína está adestrando combatentes en Oriente Medio e que tiñan preparado un recibimento de heroes para os presuntos terroristas unha vez cruzasen a fronteira.
Avogou por declarar organización terrorista os servizos de intelixencia ucraínos e declarou obxectivo lexítimo o xefe da intelixencia militar de Kíiv.
Bortinkov segue o guión trazado desde as primeiras horas tras o atentado polo presidente ruso, Vladimir Putin. O seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, cre que son acusacións dunha besta enferma e cínica.
Polo momento, hai 11 detidos, 8 dos cales foron enviados a prisión preventiva. O último é este home, acusado de alugarlle unha vivenda aos presuntos terroristas.
No que queda do Crocus City Hall, as autoridades deron por rematada a busca de cadáveres: a cifra oficial é de 139 mortos, pero hai aínda ducias de desaparecidos.