A investigación nos EUA non identifica a orixe das gravacións da Maruxaina
A investigación nos EUA non identifica a orixe das gravacións da Maruxaina
O Xulgado de Viveiro presentara unha solicitude para coñecer a IP dos ordenadores desde os que se subiron as imaxes a páxinas web de contidos pornográficos, pero as autoridades norteamericanas contestaron negativamente pola imposibilidade de proporcionar eses datos
O caso Maruxaina sofre un revés. As autoridades dos Estados Unidos non identificaron as direccións IP dos ordenadores desde os que se subiron a unha páxina de contidos pornográficos as gravacións ilegais de mulleres ouriñando na rúa.
O xulgado de Viveiro estuda reiterar esa petición a outros países mentres se agardan avances na investigación policial dos vídeos para identificar os autores
O Xulgado número 1 de Viveiro presentara unha comisión rogatoria aos Estados Unidos pra identificar as direccións IP dos ordenadores desde os que se subiron a páxinas pornográficas as gravacións ilegais de mulleres ouriñando na rúa, durante as festas de Cervo de 2019.
As autoridades no país norteamericano contestaron negativamente, pola imposibilidade proporcionar eses datos.
"As autoridades dos Estados Unidos non podían acceder nin coñecer a eses datos que se lles pedían, porque moitas páxinas web nin sequera están aloxadas nos Estados Unidos, nin as empresas están obrigadas a conservar eses datos", explicaba José Manuel Oliveros, letrado da asociación Mulleres en Igualdade, BUMEI que exerce a acusación popular.
O Xulgado de Viveiro estudará agora reiterar esa petición de información a outros países, pero esa liña de investigación non semella que poida dar moitos froitos.
Porén, as demandantes manteñen a esperanza de avances na investigación policial das gravacións para identificar os autores dos vídeos gravados e difundidos sen o seu consentimento, vulnerando a súa intimidade.
Catro anos de investigación
Na fase de instrución deste caso remataba recentemente a toma de declaración a máis dun cento de persoas, entre elas vítimas e mulleres que presentaron denuncia. O caso remóntase ao verán de 2019, cando unhas 80 mulleres foran gravadas mentres ouriñaban nunha pequena praza da vila de San Cibrao. Un ano despois, varias das afectadas foron alertadas de que esas gravacións vexatorias circulaban por webs de contido pornográfico.
Daquela presentáranse varias denuncias, tanto de forma individual como colectiva, ás que se suman as demandas de Mulleres en Igualdade de Burela e mais o propio Concello de Cervo. Malia todo, o titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro arquivou o caso en marzo de 2021, ao considerar lícitas as gravacións realizadas en espazos públicos, á vista dos transeúntes.
As denunciantes, ademais da Fiscalía, recorreron o ditame, que foi desestimado en primeira instancia, pero finalmente en novembro de 2021 a Audiencia Provincial de Lugo ordenaba reabrir a investigación ao entender que se "viu comprometida a intimidade dun grupo de mulleres".
En maio de hai un ano, durante a fase de recollida de declaracións, as denunciantes achegaron varios vídeos que cren que permiten identificar os autores, "porque se ven caras e se escoitan nomes", aseguraba Paloma Maseda, voceira das vítimas.