A Xunta de Andalucía quere autorizar novas regas á conta da auga de Doñana
A Xunta de Andalucía quere autorizar novas regas á conta da auga de Doñana
A ministra de Transición Ecolóxica cualificou a medida de "provocación de enormes dimensións" e advertiu que o Goberno tomará todas as medidas legais posibles contra ela
España xa foi condenada no 2021 polo mal estado de Doñana
A decisión do Parlamento andaluz de tramitar unha proposta de lei para ampliar a zona regable no Parque Nacional de Doñana tensa as relacións entre a Xunta e o Goberno central.
O executivo autonómico encabezado por Juan Manuel Moreno Bonilla (PP) e apoiado por VOX deu para adiante este mércores a esta iniciativa, que será tramitada pola vía de urxencia e podería ser aprobada polo pleno do Parlamento autonómico entre maio e xullo.
PSOE, Por Andalucía e Adiante Andalucía opóñense a esta medida.
A proposición recoñece como agrícolas unhas 800 hectáreas dos municipios de Almonte, Bonares, Lucena del Puerto, Moguer e Rociana del Condado (Huelva).
O dereito á rega a novas hectáreas concederase, segundo a Xunta, para a auga superficial que chegue a través do transvasamento da demarcación dos ríos Odiel-Tinto-Pedra, unha obra que, afirma, debe acometer o Estado.
Varios ministros mostraron a súa contrariedade, incluída a responsable de Transición Ecolóxica.
Teresa Ribera advertiu que o Goberno tomará “todas as medidas que sexan compatibles coa Constitución e o Dereito europeo” ante esta “frivolidade”, tendo en conta que España xa "foi condenada polo mal estado de Doñana" no pasado e a nova proposta é "unha provocación de enormes dimensións".
Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030 foi máis aló ao chamar a "frear o ecocidio" que conducirá a "acabar cos recursos hídricos de Doñana ata desecar o territorio" e confirmou que Podemos recorrerá ante o Tribunal Constitucional se a medida é finalmente aprobada.
Esquerda Unida presentou no Parlamento Europeo unha denuncia pola situación na que esixe protección ante o "atentado ambiental que pretende aprobar a Xunta de Andalucía".
España xa foi condenada en 2021 por non protexer Doñana
A Comisión Europea dixo a mediados de febreiro que está disposta a utilizar "rapidamente todos os medios dispoñibles" para garantir a execución dunha sentenza da Xustiza europea que condenou a España en 2021 por non protexer as zonas húmidas de Doñana, das "máis destacadas" de Europa.
A directora xeral de Medio Ambiente do Executivo comunitario Florika Fink-Hooijer enviou unha carta ás autoridades españolas para transmitir a súa preocupación e instalas a aplicar canto antes as medidas necesarias para facer cumprir a sentenza xudicial.
Mentres tanto, o presidente autonómico Juanma Moreno contesta que o que é "unha enorme frivolidade é que quen permitiu que se vulneren os acuíferos" durante tantos anos tendo as competencias da Confederación Hidrográfica do río Guadalquivir "fale agora de defender a Doñana".
"Queremos poñer unha solución para que ninguén poida conseguir auga do subsolo, para que non se amplíen os regadíos e poñer orde no caos que crearon eles durante tantos anos de goberno".
Ademais, censurou que "nin unha soa vez" o Goberno de España convocase a xunta de Andalucía para negociar sobre este asunto e reiterou que "ninguén vai defender máis o Parque Natural de Doñana que a xunta de Andalucía", que considera "unha xoia inexpugnable" co "máximo de protección legal".