A Lei da Segunda Oportunidade permite desfacerse das débedas contraídas de boa fe
A Lei da Segunda Oportunidade permite desfacerse das débedas contraídas de boa fe
Diríxese a exonerar a débeda de persoas insolventes -particulares ou autónomos- e sen antecedentes ou sancións administrativas graves
Ana é unha coruñesa que chegou a estar afogada polas débedas e que puido facer borrón e conta nova. A Xustiza librouna de pagar 140.000 euros grazas á Lei da Segunda Oportunidade. Conta ela que foi a pique hai anos por tentar cubrir as débedas de quen daquela era seu home.
"Comecei vendendo ouro, vendendo os coches, de todo", explica Ana Bermúdez. Pero non conseguiu pagar as débedas, así que acudiu aos microcréditos, "que teñen xuros dun 200 e incluso dun 2.000", explica.
Non podía pagalos, e así acabou co seu patrimonio, coas contas embargadas e cunha débeda cada vez maior. "Houbo meses coa conta a cero, non podía comprar nin unha barra de pan", lembra. E acolleuse á Lei da Segunda Oportunidade.
"Consiste basicamente en restituír á sociedade aquelas persoas, debedoras de boa fe, que foron desafiuzadas economicamente por non poder cumprir coas súas débedas", explica o avogado Ángel Andújar. A lei contempla motivos diversos para ter adquirido esa débeda, "como a perda do traballo, a enfermidade ou o fracaso empresarial", enumera Andújar.
Coa boa fe -e sen antecedentes- particulares e autónomos poden ter esa segunda oportunidade para recuperarse no económico, no social e na saúde. "Isto leva a situacións moi dramáticas, de estrés moi elevado, que afectan a saúde", di o avogado. E recomenda ás persoas que estean nesta situación "que se informen, porque non todos os casos poden ser exonerados, pero si unha gran parte deles".
No seu despacho na Coruña, especializado neste procedemento, tramitaron 100 casos o ano pasado e conseguiron exonerar máis de 8 millóns de euros en débedas.