A lei galega de benestar animal obrigará á identificación das mascotas mortas na vía pública
A lei galega de benestar animal obrigará á identificación das mascotas mortas na vía pública
A reforma entrará en vigor antes de seis meses, segundo anunciou a Conselleira de Medio Ambiente
En seis meses a reforma de Lei de Benestar Animal de Galicia obrigará a identificar os cadáveres de mascotas mortos na vía pública e a avisar a familia propietaria do animal.
A conselleira de Medio Ambiente anunciouno en Coirós, na visita á protectora que encabezou a petición xunto a unha das familias que sufriu a desaparición do seu can.
Hai familias con sorte que recuperan os seus cans perdidos. Outros roubados, envelenados ou atropelados, non aparecen nunca. Isto vai cambiar grazas á familia propietaria de Lucho, un can desaparecido en Cambre na noite de San Xoán e encontrado nun conxelador dunha empresa de recollida de residuos animais con outros cadáveres de mascotas, amoreados para incinerar. Aí souberon que a lei non obriga a identificalos aínda que teñan chip e que non podían reclamar o cadáver para enterralo.
A familia Calderón decidiu que non se volvera repetir e iniciaron xunto coa protectora Gatocán de Coirós unha campaña para conseguir cambiar a lei. E hoxe, na visita á asociación, a Conselleira de Medio Ambiente deulles a alegría da próxima reforma.
"Cando un animal apareza morto por distintas causas nunha vía pública, os responsables da recollida do cadáver van ter a obriga de identificalo coa lectura do microchip e proceder á entrega aos seus familiares", declarou Ángeles Vázquez.
Isto suporá a reforma da lei de benestar animal de Galicia antes de seis meses. A identificación, ademais, axudará a sancionar os casos de abandono. Á conta da familia correrán a xestión e tratamento dos restos do animal, a baixa no rexistro e, sobre todo, despedilos como merecen, evitando angustia e incerteza.
"Recibimos centos de mensaxes de xente que leva meses dedicando as fins de semana a buscar as súas mascotas, sen saber onde están, nin se morreron, que ao mellor están perdidos pero o máis probable é que acabaran igual que Lucho", comentou Alfredo Calderón.
Para Beatriz Martín, presidenta da protectora Gatocán, a resposta da Consellería foi rapidísima e agarda que os donos de Lucho estean satisfeitos co éxito da campaña.
Esta vella arela das protectoras de animais de compañía axudará na investigación dos casos de roubo e daralles tranquilidade ás familias con mascotas.