A lenda de San Martiño de Noia, a igrexa cunha torre maldita
A lenda de San Martiño de Noia, a igrexa cunha torre maldita
A lenda di que quen intente rematar a segunda torre perecerá no intento
San Martiño de Noia é unha xoia arquitectónica de estilo gótico mariñeiro. Consagrada en 1434, o primeiro ano santo compostelán, nunca se rematou, e a súa segunda torre segue inconclusa hoxe en día.
Moitos, de visitala, preguntarán por que esta igrexa, saída do obradoiro do mesmo Mestre Mateo, só ten unha torre rematada e un baleiro onde debería aparecer a segunda.
"Naquel momento non se remataron as torres, segundo os historiadores, pola rivalidade con Santiago. Tamén pode ser que se acabase o presuposto. Disto non consta nada nos arquivos parroquiais, non hai nada escrito", explícanos o párroco, José Ortoño.
Pero os sucesos lutuosos ocorridos na igrexa alimentaron a lenda. Hai varias teorías, pero dous sucesos fatais, afastados no tempo, coa torre de fondo, desencadearon a lenda da torre maldita. O último foi hai 50 anos, a caída mortal do director de cine Claudio Guerín mentres rodaba os derradeiros planos da película A campá do inferno desde a torre, como nos contan o párroco e algunhas veciñas.
"O director quería facer unha torre de decorado e fora polo que fora caeu embaixo e está aí a cruz onde caeu".
"A película foi despois. Cando facían a igrexa caeu unha persoa embaixo e logo caeu outra, e de aí lle vén a mala fama".
"Isto alimentou a polémica de que a torre está maldita e o que se propoña rematala, perecerá no intento".
O turismo que se achega a San Martiño vén atraído pola arte pero unha lenda maldita é apetecible para o turismo negro que visita destinos marcados por sucesos violentos sen explicación. De feito, a localización da cruz é unha das maiores curiosidades.
Sexa como sexa, A campá do inferno, de Guerín, é unha película de culto no Xapón e nos Estados Unidos e un referente dentro do cine maldito español.