O compromiso de decidir o valor dos obxectos queridos
O compromiso de decidir o valor dos obxectos queridos
Os taxadores cuantifican o valor económico dunha antigüidade nun momento concreto
A valoración patrimonial nunha herdanza é un dos motivos para requirir os seus servizos
Calcular o valor dun obxecto antigo non é doado. Para iso está o taxador, que cataloga e certifica a procedencia e o custo real dunha antigüidade e que en Galicia moitas veces resulta complicado.
"Temos tanto patrimonio en España e Galicia, que ás veces, como cando pasas pola catedral en tantas ocasións que xa nin a miras, pois igual. As pezas antigas teñen un valor engadido, histórico-artístico que non deixa de ser o noso pasado e que hai xente que segue a valoralas", comenta Ana Castro, taxadora de arte e antigüidades en Santiago de Compostela.
Entre os clientes destes profesionais están os que queren coñecer a cotización dun produto concreto ou dun conxunto para a repartición equitativa no caso dunha herdanza. E non sempre é doado.
"Atopei de todo. Dende pezas que a familia pensaba que non valían nada e custaban moitísimo, ata pezas que a familia viña dicindo toda a vida que custaban moitísimo e nada. Hai veces que teño que dar algún desgusto pero tamén dou alegrías", confesa esta historiadora da arte.
O taxador, investiga e orienta, mais o mercado manda: "As xoias, os reloxos, seguen a ter un coleccionismo interesante e tamén a pintura, e o que menos os libros e os mobles, que están agora mesmo un pouco de capa caída", aclara.
E aínda que non é o habitual, nesa investigación que é a taxación poden aparecer as sorpresas inesperadas e agradecidas. "Unha vez relata -conta a taxadora- valorei un busto nunha casa, que o trouxeran de Francia, e dixéronme que naquel momento valera máis a peza que a propia casa".
Antes de vender unha antigüidade os taxadores recomendan unha consulta profesional: ademais de poder ter unha boa nova económica, promóvese a conservación do patrimonio histórico para as xeracións vindeiras.