A Ribeira Sacra presume de cores no outono
A Ribeira Sacra presume de cores no outono
As paisaxes dos canóns gañan atractivo nesta época do ano
As follas caídas de castiñeiros, carballos, bidueiros... alfombran os carreiros da Ribeira Sacra. Por San Pedro de Rocas pasean un grupo de sendeiristas que van facer unha ruta circular de nove quilómetros desde Esgos.
"Espectacular. Todo rocha, por iso se chama San Pedro de Rocas", comenta un deles.
Tamén nos cruzamos cuns ciclistas de montaña. Algún vén desde a costa a somerxerse nas paisaxes de conto que nos regala a montaña do interior.
"O contraste das cores é espectacular. As árbores son unha marabilla".
"E aquí hai un mosteiro, dos primeiros que houbo en Galicia. Todo moi bonito e espectacular", explican.
Paisaxes cambiantes
Unhas paisaxes que van mudando dunha ruta a outra, nesa mistura entre vexetación e arquitectura que ofrece a Ribeira Sacra.
"É a época máis bonita, polas cores e as paisaxes, a variedade das follas, das cores, con castiñeiros, carballos...".
"Marrón, vermello, amarelo, verde... unha pasada", describen dous sendeiristas.
A única paisaxe que se resiste este domingo na Ribeira Sacra son as vistas aos canóns, azoutadas polos fortes ventos.