Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reclaman a conservación do bosque máxico da Pontenova

Reclaman a conservación do bosque máxico da Pontenova

O espazo alberga unha vintena de esculturas en madeira e pedra feitas por Manuel Marqués, un artista local autodidacta

G24.gal 27/10/2024 21:17 Última actualización 27/10/2024 23:06

Un pequeno e bastante descoñecido bosque de esculturas de madeira e pedra que hai na Pontenova estase resentindo do paso do tempo e do vandalismo, unha boa mágoa, xa que se trata dun espazo aberto a todo o público e que se pode visitar de balde.

Estamos no lugar de Sanxés, na parroquia de Bogo, na Pontenova, nun pequeno espazo fascinante creado por Manuel Marqués, un veciño desta aldea que traballara nun estaleiro e que intensificou o seu labor artístico logo da xubilación.

Hai unha vintena de pezas e as máis delas foron creadas sobre troncos mortos, que recibiron así unha nova vida artística, e recrearon personaxes e escenas que chaman a atención de todos os que pasan por diante.

O artista autodidacta morreu hai dez anos, e o seu legado, agora, sofre o paso do tempo e o descoido, cun poste telefónico tirado enriba e a vexetación gañándolle terreo á arte.

Incluso hai pezas que desapareceron, como a escopeta de pau que levaba este soldado, ou outras obras que foron rompendo e que se van deteriorando por falta de coidado.

Veciños e familiares do artista e do espazo reclaman a implicación das administracións no coidado e conservación dun espazo senlleiro e único.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade