Ourense participa nunha investigación para saber como lle afectará o cambio climático ao solo
Ourense participa nunha investigación para saber como lle afectará o cambio climático ao solo
Recrearon en Toén as condicións que se agardan para finais de século: un 50 % menos de chuvia e dous graos máis de temperatura
O experimento forma parte dun proxecto europeo máis amplo en que se analiza a relación entre a biodiversidade do solo e os seus usos e niveis de presión
Antigos terreos de cultivo abandonados nos anos 70 e onde hoxe medra un bosque atlántico típico, con carballos. É un dos lugares elixido para instalar as cámaras de control do cambio climático. Durante dous anos, recrean as condicións que teremos en 2100 en canto a suba de temperaturas e a redución das precipitacións para saber como lle afectarán á composición do solo. Tamén están instaladas nunha zona de piñeiros, plantados para produción de madeira, e noutra de acacias, unha especie invasora, polo que a presión é maior.
Este experimento replícase cos mesmo parámetros noutras zonas de Zaragoza, Letonia ou Suíza. Está incluído nunha investigación máis ampla na que participan unha vintena de socios de ata once países e na que se analiza a conexión entre biodiversidade e estrutura do solo e os disintos usos (urbano, seminatural, agrícola e mineiro) e tamén niveis de presión como o grao de contamación ou o uso de fitosanitarios. O obxectivo do proxecto, que se alongará ata 2028, é obter ferramentas para mellorar a xestión do solo.