Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago acolle a maior mostra internacional sobre tatuaxes, con máis de 240 pezas

Santiago acolle a maior mostra internacional sobre tatuaxes, con máis de 240 pezas

A exposición 'Tattoo. Arte baixo a pel' pode verse de balde na Cidade da Cultura ata o 20 de abril de 2025

Exposición 'Tattoo. Arte baixo a pel', no Gaiás
G24.gal 24/10/2024 15:59 Última actualización 24/10/2024 21:58

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou este xoves na Cidade da Cultura a exposición 'Tattoo. Arte baixo a pel', "a maior exposición internacional sobre tatuaxes desenvolta ata o momento".

A mostra ábrese ao público no Gaiás tras ser visitada por máis de dous millóns de persoas no seu percorrido por museos e institucións culturais de Francia, O Canadá, os Estados Unidos, Taiwán, Rusia e os centros de Fundación La Caixa en España.

O titular de Cultura da Xunta remarcou a "relevancia" de traer a Galicia unha mostra que afonda nas orixes e evolución dunha práctica presente en practicamente todas as culturas humanas do mundo e que esperta un "crecente interese" desde ámbitos diversos como o antropolóxico, o artístico e o social.

A exposición poderá visitarse ata o 20 de abril de 2025, de balde, no Museo Gaiás.

Máis de 240 pezas de 20 países

A mostra está composta por máis de 240 pezas históricas e contemporáneas procedentes dunha vintena de países.

Entre elas, atopamos obxectos rituais e decorativos, fotografías, debuxos, pinturas, utensilios de tatuar tradicionais e 26 modelos hiperrealistas de silicona tatuados por algúns dos mellores artistas actuais da tatuaxe.

No acto participaron tamén a comisaria da mostra, Anne Richard, e a directora de Desenvolvemento Cultural do museo Quai Branly - Jacques Chirac, Christine Drouin, institución promotora da exposición.

Tamén estivo o artista da tatuaxe e coleccionista holandés Henk Schiffmacher, coñecido popularmente como Hanky Panky, investigador da tatuaxe tradicional no mundo e tatuador de celebridades como Lady Gaga, Red Hot Chili Peppers ou Mötorhead.

En palabras da comisaria, a exposición representa un itinerario xeográfico e histórico co que explorar os motivos polos que se practicaba a tatuaxe nas culturas tradicionais, a súa asociación histórica con grupos criminais e marxinados, como a mafia xaponesa ou as bandas latinas, e finalmente a súa expansión como fenómeno estético e manifesto de individualidade.

Móstranse exemplos de tatuaxes realizadas por motivos relixiosos e mesmo máxicos, como os yantras tailandeses, considerados un talismán protector contra balas, accidentes e enfermidades que levan celebridades como a actriz Angelina Jolie. Tamén se mostran selos empregados polos cristiáns para tatuaxes que realizaban ao acabar unha peregrinación ou como símbolo de identidade que só eles coñecían.

"Unha práctica que hoxe vemos nas cunchas de vieira ou a cruz de Santiago que deciden levar no seu corpo moitas das persoas que completan a ruta xacobea", sinalou o conselleiro respecto diso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade