Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno prevé incluír a liña Ourense-Santiago nos abonos de balde de Renfe

O Goberno prevé incluír a liña Ourense-Santiago nos abonos de balde de Renfe

A ministra voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, asegura que se está traballando para que "non haxa un agravio entre os viaxeiros da mesma comunidade"

G24.gal 31/08/2022 14:16

A partir de mañá comezarán a estar operativos os abonos de balde de Renfe. Sobre este asunto, a voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou en Vigo que o ministerio de Transportes traballa para que o traxecto entre Ourense e Santiago tamén poida contar con descontos.

A ministra, titular de Política Territorial, defendeu este mércores o esforzo do Goberno que se traduce nunha mellor situación para as familias para que "esta crise non a paguen os de sempre".

No caso de Galicia, aclarou que aínda que inicialmente a conexión Santiago-Ourense non estaba contemplada na gratuidade do transporte ferroviario, está previsto engadila.

Acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, un rexedor que "inspira", segundo a ministra, destacou ante os medios de comunicación o "comezo das medidas que aprobou o Consello de Ministros a principios do mes de agosto e que foron validadas polo Congreso a semana pasada", que entran en vigor mañá, como a gratuidade do transporte ferroviario en Proximidades e Media Distancia, á que se sumarían os trens a Ourense.

Este xoves comezan a aplicarse os descontos de Renfe

Dende este xoves xa poden viaxar en tren de balde os pasaxeiros que adquirisen os abonos con descontos de Renfe. Con estes billetes, os usuarios poderán desprazarse de maneira ilimitada ata o 31 de decembro entre dúas estacións concretas. 

En Galicia xa son máis de 7.500 os usuarios que solicitaron o seu abono para poder viaxar de balde nos trens de media distancia ou cun desconto do 50 % en caso de ter que desprazarse nun tren Avant. Neste caso se se confirma o anuncio da ministra ese 50 % sería finalmente polo total.

Para o seu uso, os pasaxeiros só terán que formalizar o abono antes de cada viaxe. Estes abonos pódense solicitar mentres dure a medida aprobada polo Goberno, é dicir ata o 31 de decembro, pero Renfe recomenda facelo antes do 5 de setembro, co fin de axilizar os trámites e evitar aglomeracións co previsible aumento de pasaxeiros estes días.

Tamén se recomenda que este rexistro previo se faga a través das aplicacións móbiles ou na páxina web de Renfe. Unha vez rexistrados os usuarios obterán os seus abonos na propia aplicación de Renfe, nas máquinas de autovenda ou nos despachos de billetes das estacións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade