Publicador de contidos
Publicador de contidos

A manifestación nacionalista do BNG e a ofrenda do PSdeG en Rianxo, actos centrais do 25 de xullo

A manifestación nacionalista do BNG e a ofrenda do PSdeG en Rianxo, actos centrais do 25 de xullo

A manifestación dará comezo ás 12:00 horas na alameda de Santiago

Ás 11:30 horas comeza a ofrenda floral fronte á estatua de Castelao, en Rianxo

G24.gal 24/07/2022 20:56

A manifestación nacionalista que convoca tradicionalmente o BNG ás 12 horas na alameda compostelá e a ofrenda floral protagonizada polo PSdeG en Rianxo concentran os actos políticos do Día Nacional de Galicia este 25 de xullo, cuxo acto institucional se mantivo para este domingo coa entrega das Medallas de Galicia.  

Pola súa banda, os populares galegos celebraron o pasado venres o acto político do partido en Mondoñedo, cun discurso no que o PPdeG enarborou a bandeira do "galeguismo integrador" con palabras de Castelao na terra de Álvaro Cunqueiro.  

No manifesto, lido pola presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, os populares definíronse como "un partido centrado, ordenado, reformista e galeguista" que, á súa vez, "tivo e ten a responsabilidade de gobernar a construción da Galicia moderna que hoxe coñecemos".

Manifestación nacionalista en Compostela

Despois de que en 2021 a mensaxe fose o dunha "Galicia sen límites", o BNG celebra este Día da Patria coa mirada posta nos procesos electorais que están por vir cunha clara mensaxe: "Gañar o futuro" e "a nova Galicia en marcha".  

Ademais, o BNG quere lanzar agora as propostas para a recuperación social, centradas en medidas de recuperación ante a crise de prezos aburada pola guerra en Ucraína.  

A manifestación, que despois de dous anos recupera a normalidade, arrincará ás 12:00 horas da Alameda e desembocará na Praza da Quintana, onde a líder nacionalista, acompañada da Executiva Nacional, pronunciará o discurso final.  

O BNG recupera tamén a tradicional comida de confraternización na Carballeira de Santa Susana e volve o Festigal, o festival que organizan as mocidades nacionalistas no campus universitario e que, entre outras actuacións, ten a Tanxugueiras como prato forte.

Ofrenda floral en Rianxo

Pola súa banda, Valentín González Formoso, estrearase como líder do PSdeG na tradicional ofrenda floral que terá lugar ás 11:30 horas en Rianxo ante a estatua de Catelao.  

Segundo avanzaron a Europa Press fontes socialistas, Formoso reafirmarase no seu discurso na necesidade de "lograr un novo Estatuto" para Galicia, o cal "permita alcanzar o máximo teito competencial e incorporar unha carta de dereitos" ou "todos os instrumentos xurídicos e normativos posibles" para "responder con axilidade a situacións de emerxencia como a pandemia", como pode ser a figura do decreto lei que a Comunidade non ten.  

"Fronte ao inmobilismo duns e os que ven no Estatuto un 'traxe vello' do que desprenderse para buscar outra relación co Estado", en referencia velada a populares e nacionalistas, o PSdeG aposta por "unha revisión profunda do autogoberno e a actualización do texto", un documento de 1980 cando aínda "non había nin divorcio, nin estabamos na UE, nin existía Internet".

Pon como exemplo estas mesmas fontes para ilustrar esa necesidade de actualizar o marco galego.

Outros actos

Á marxe dos principais partidos políticos, a capital galega tamén contará con actos políticos organizados por organizacións independentistas, na Praza de Cervantes.  

Anova, a organización fundada por Xosé Manuel Beiras en 2012, celebrará unha comida de confraternización nun asador compostelán na que está previsto que participe o propio veterano político.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade