A máscara deixa de ser obrigatoria en interiores en Francia con condicións
A máscara deixa de ser obrigatoria en interiores en Francia con condicións
O certificado covid tamén deixa de ser preciso na maioría dos actos sociais
A máscara en interiores implantouse en Francia en xullo de 2020
A máscara deixa de ser obrigatoria en Francia a partir deste luns en interiores, tras máis dun ano e medio, con algunhas excepcións como os transportes públicos, os centros sanitarios ou as residencias de anciáns.
O levantamento desta obrigación vai acompañado da fin da esixencia do certificado de vacinación que era necesario para moitos actos de vida social, como ir a un bar, a un restaurante, a un cinema, a unha sala de espectáculos, a un estadio, pero tamén para utilizar transportes públicos de longo percorrido (avión, tren ou autocar).
Seguirá sendo necesario en hospitais, clínicas ou centros sanitarios (salvo nos servizos de urxencias), así como nas residencias de anciáns ou de persoas con minusvalías.
Aínda que xa non é obrigatoria a máscara por exemplo nas clases ou no traballo, as autoridades sanitarias seguen recomendando que as leven as persoas positivas ou sintomáticas, así como o persoal sanitario.
En Francia, as máscaras impuxéronse nos transportes públicos cando terminou o primeiro confinamento en maio de 2020 e en todos os espazos públicos en xullo dese ano.
Tamén hai cambios nos centros escolares. Alí, cando un alumno dunha clase sexa positivo, todos os seus compañeiros pasan a ser casos contacto. Iso significa que os estudantes de primaria non deben illarse, pero teñen que facer un autotest.
Os máis maiores tampouco deben illarse se están vacinados, pero en caso de non estar inmunizados terán que estar sete días en illamento e someterse a un test antes de volver ao curso presencial.
Mentres se implantan todas estas medidas, Francia está a ver, igual que outros países europeos, como hai unha repunta da incidencia do coronavirus, que volveu a pasar por encima dos 600 casos en sete días por cada 100.000 habitantes. Pero nos hospitais os ingresados van á baixa.
Este domingo había 20.917 enfermos nos hospitais, lonxe dos máis de 33.000 que houbo no pico de ómicron a comezos de febreiro. En canto ás persoas nas UCI, eran onte 1.855, comparadas coas case 4.000 a mediados de xaneiro.
De acordo cos datos das autoridades sanitarias francesas publicadas este domingo, en Francia morreron 140.109 persoas de coronavirus desde o comezo da epidemia.