Publicador de contidos
Publicador de contidos

A maxistrada Isabel Perelló, primeira muller en presidir o Consello Xeral do Poder Xudicial

A maxistrada Isabel Perelló, primeira muller en presidir o Consello Xeral do Poder Xudicial

Con 16 votos, Perelló impúxose na votación a Ana Ferrer, que era a principal favorita do bloque progresista pero cuxo nomeamento era rexeitado de plano polos vogais conservadores, segundo informa o órgano de goberno dos xuíces 

É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago e o seu primeiro destino foi os xulgados de Carballo

Isabel Perelló (EFE)
G24.gal 03/09/2024 12:30 Última actualización 03/09/2024 19:50

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) elixiu a maxistrada Isabel Perelló como presidenta da institución e do Tribunal Supremo, a primeira muller en toda a súa historia.

Con 16 votos, Perelló, maxistrada da Sala do contencioso administrativo do alto tribunal e afiliada aos progresista Xuíces e Xuízas para a Democraciaimpúxose na votación a Ana Ferrer, que era a principal favorita do bloque progresista pero cuxo nomeamento era rexeitado de plano polos vogais conservadores, segundo informa o órgano de goberno dos xuíces. Segundo informan fontes xurídicas, ambas as partes cederon polo ben da institución.

Termina así o bloqueo ao que se viu sometida a elección da presidencia e faio a dous días da apertura do Ano Xudicial, polo que se evita que o órgano de goberno dos xuíces non estea representado oficialmente no acto que preside o rei.

A pesar de que a opción non era ben vista polos progresistas, o Pleno finalmente viuse obrigado este luns para abrir a lista de candidaturas, a pedimento do bloque conservador, para elixir a presidencia "de forma inminente", tras constatar o bloqueo insuperable coas sete candidaturas propostas. A situación era de urxencia debido a que, segundo fontes consultadas por EFE, o mércores está prevista a toma de posesión ante o rei.

Desde o inicio, os vogais progresistas buscaron para a presidencia o perfil dunha maxistrada progresista para que se convertese na primeira muller á fronte do CXPX e do Supremo en toda a historia, algo ao que non se opuxeron os vogais conservadores sempre que ese perfil fóra de consenso.

Un dos primeiros en reaccionar foi o ministro de Xustiza, Felix Bolaños, que dixo estar "moi contento" porque "por primeira vez na historia, unha muller presidirá o CXPX e o Tribunal Supremo"."Magnífica noticia. Felicidades a Isabel Perelló e a todos os que cremos na Xustiza como un servizo público!", engadiu nunha mensaxe no seu perfil de X.

Tanto PP como PSOE celebraron o nomeamento.

Os socialistas destacan que será a primeira muller no cargo, e os populares cren que este acordo avanza na independencia xudicial.

 O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, deron os parabéns á maxistrada Isabel Perelló pola súa elección como presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, e destacaron que por primeira vez ocupa este cargo unha muller.

"O meu máis sincero parabén á maxistrada Isabel Perelló pola súa elección como primeira muller en presidir o CXPX e o Tribunal Supremo na historia do noso país. A igualdade é unha columna vertebral da democracia. Hoxe España recupera a normalidade institucional", escribiu Sánchez na rede social X.

Pola súa banda, Feijóo felicitou tamén a Perelló a través de X e dixo que hai un "dobre motivo de celebración" polo feito de que sexa a primeira muller que preside este órgano e por ser a primeira vez que se elixe "sen imposición dos partidos".

"Deséxolle todo o acerto para seguir avanzando na despolitización da xustiza", engadiu.

Perfil

Isabel Perelló (Sabadell, 18 de marzo de 1958) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, ingresando na carrerra xudicial en 1985. Catro anos antes, ampliou a súa formación cunha diplomatura en Criminoloxía, na Universidade Complutense de Madrid.
Unha vez terminada a oposición, Perelló foi destinada ao xulgado de Carballo. 

Ocupou destinos no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Maó (Menorca), na Audiencia de Barcelona e no Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña.

Tamén serviu no Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (1991) e na Audiencia Nacional (1994), tras o cal pasou a ser letrada no Tribunal Constitucional (1993-2003) e xa en 2009 maxistrada da Sala Terceira do Tribunal Supremo.

Case 20 anos despois, en 2022 para as vacantes do Tribunal Constitucional, Perelló foi unha das maxistradas que xunto a outros maxistrados ofrecéronse para non paralizar o Tribunal de Garantías.

É coautora de varias obras e colaborou no libro A Europa dos Dereitos: o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade